Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O primeiro desprazamento tivo lugar neste mes de febreiro, coa participación de catorce persoas

- O Concello faise cargo dos desprazamentos ao aeroporto e, nalgúns casos, tamén subvenciona parte da viaxe

Imserso20201

Valga, 19 de febreiro de 2020.

Máis de medio cento de valgueses participan este ano nas viaxes do programa de turismo social do Imserso, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais do Ministerio de Dereitos Sociais.

Este programa ten como obxectivos proporcionar ás persoas maiores unha mellor calidade de vida e previr a dependencia e, nesta ocasión, os destinos que se ofertaron foron Castellón, Palma de Mallorca e Valencia.

O pasado 10 de febreiro partiu o primeiro grupo de viaxeiros con destino a Castellón, un total de 14 persoas que hoxe mesmo regresan a Valga. O próximo desprazamento será a Mallorca, con saída o 26 de abril e unha duración de 15 días. Os solicitantes deste destino estaban convocados esta mañá no Salón de Plenos para realizar o sorteo, ao haber máis solicitudes (24) que prazas dispoñibles (20). Finalmente, debido á renuncia de varias persoas, non foi necesario facer o sorteo.

En maio terá lugar a terceira saída a Valencia, cunha semana de duración. Este é o destino con máis solicitudes rexistradas, máis de corenta para vinte prazas, polo que os inscritos serán convocados proximamente ao correspondente sorteo.

As viaxes inclúen aloxamento en réxime de pensión completa, transporte de ida e volta, póliza de seguros colectiva, servizo de medicina xeral, e actividades de animación socio-cultural. O Concello faise cargo dos desprazamentos ao aeroporto e, nalgúns casos en función do nivel de renda, tamén subvenciona parte da viaxe a través dun convenio co Ministerio de Dereitos Sociais.

Imserso20202

Volver