- A actividade promoveu a expresión e a superación persoal a través da arte
- Foi impartida por Marcela Santorum, psicóloga do Centro de Información á Muller e licenciada en Belas Artes
Valga, 18 de febreiro de 2020.
A Casa do Concello acolle dende hai uns días unha exposición de traballos realizados por usuarias do Centro de Información á Muller (CIM) no obradoiro de terapia creativa que se desenvolveu entre os meses de outubro e decembro de 2019.
A actividade utilizou a arte e, en concreto, a pintura como instrumento para a expresión, a comunicación e a superación persoal. “Na terapia creativa utilízanse os recursos da arte como estratexia para acceder ás emocións e promover a expresión e elaboración de sentidos das situacións traumáticas. Atopamos así un medio de expresión menos condicionado polo pensamento, que en moitas ocasións, obstaculiza a revisión da nosa historia e a súa superación”, explica Marcela Santorum, licenciada en Belas Artes e psicóloga do CIM que se encargou de impartir o obradoiro.
A psicóloga resalta a capacidade da arte para “transformar os traumas reais en simbólicos”, contribuíndo a afrontalos e superalos. “Se conseguimos romper as ideas anacrónicas de que arte ten como finalidade representar a realidade, e nos relacionamos con esta actividade como unha estratexia de autocoñecemento, atopamos un espazo de comunicación que crea saúde e benestar”, explica.