Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ata Campaña chegaron onte once excursións organizadas e outras tres o sábado

- Estudantes de Moraña, Pontevedra e Valga acudiron esta mañá a ver o nacemento

Peregrinos

Valga, 18 de decembro de 2017.

O poder de atracción do Belén Artesanal en Movemento non deixa de medrar e un claro exemplo viviuse onte domingo, cando se batiron os rexistros de afluencia de público nunha soa xornada. Foron máis de tres mil as persoas que acudiron a ver o afamado nacemento, entre elas os excursionistas de once viaxes organizadas, dúas que chegaron a Campaña pola mañá e outras nove durante a tarde. As largas colas de visitantes foron a tónica durante toda a xornada con xentes chegadas de distintos lugares de Galicia, outras comunidades españolas e incluso estranxeiros como, por exemplo, unha parella británica.

Xa o sábado se deixou notar un incremento do público con respecto á primeira semana de apertura e superouse o milleiro de visistantes, tamén neste caso con varias excursións. Foron tres os grupos organizados que non quixeron deixar pasar a oportunidade de ver o Belén Artesanal, dous que chegaron pola mañá e outro pola tarde integrado por máis de medio cento de peregrinos de Vedra que están a facer o Camiño de Santiago. O sábado cubriron a etapa entre Redondela e Pontevedra e despois desprazáronse a Valga en autobús.

Esta mañá continuaron as visitas. Primeiro fíxoo un grupo de doce alumnos da escola unitaria de Lamas (Moraña), acompañados polos seus mestres, e despois 36 escolares do colexio Salvador Moreno de Pontevedra. Por último, acudiu parte do alumnado do IES de Valga, que repetirá visita o próximo mércores con outro grupo de estudantes. Entre mañá e o xoves están concertadas visitas de centros educativos de Ferrol, Pontevedra, Valga e Caldas de Reis, así como unha asociación de Riveira e os usuarios do Centro de Día de Vilagarcía.

O Belén Artesanal é obra da asociación Amigos do Belén e conta nesta edición con arredor de 4.500 figuras dispostas nunha superficie de 400 metros cadrados. Permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o domingo 14 de xaneiro, entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través do número de teléfono 630 95 25 15. 

Moraña Pontevedra

Volver