- O alcalde e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta presidiron o acto de constitución, celebrado hoxe no Salón de Plenos
- Persoal municipal de Servizos Sociais e do CIM, corpos de seguridade e representantes dos sectores sanitario e educativo forman parte deste novo órgano
Valga, 12 de febreiro de 2020.
O Concello de Valga constituíu esta mañá a Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. O acto, celebrado no Salón de Plenos, estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e pola secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.
O rexedor e a secretaria xeral lembraron os dramáticos acontecementos sucedidos en Valga no ano 2019, con dous crimes machistas en apenas seis meses. “Foi tremendo e entre todos debemos aportar o máximo que poidamos para que algo así non volva a suceder, incidindo especialmente na sensibilización dos máis mozos, que son o futuro”, remarcou Bello Maneiro.
Susana López Abella tivo tamén palabras de recordo para as dúas mulleres asasinadas nas últimas semanas en Lugo e A Pastoriza e defendeu a utilidade das Mesas Locais de coordinación para loitar contra a violencia de xénero e axudar ás vítimas. Neste sentido, agradeceu o traballo que dende hai anos veñen realizando o Concello e os seus profesionais a través, por exemplo, do Centro de Información á Muller, en funcionamento dende 2014.
Esta Mesa créase como unha ferramenta na que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero. Os obxectivos xerais son promover políticas e actuacións para erradicar a violencia de xénero, procurar unha maior eficiencia e coordinación á hora de dar resposta a posibles casos e contribuír a optimizar os recursos e servizos de atención ás mulleres afectadas por esta lacra social.
Á sesión constitutiva asistiron un total de 22 persoas. Ademais do alcalde e a secretaria xeral, estiveron: a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro; senllas representantes da Subdelegación do Goberno e da Secretaría Xeral de Igualdade, persoal do departamento de Servizos Sociais; a directora, a psicóloga e a avogada do Centro de Información á Muller; representantes dos equipos directivos dos centros educativos de Valga; tres membros da Garda Civil –o sarxento do posto de Valga, unha garda do equipo de seguimento de vítimas de violencia de xénero e unha axente do Grupo EMUME da Comandancia de Pontevedra–; a Policía Local; un representante do Centro de Saúde de Valga; e outro persoal do Concello e axentes implicados na prevención e erradicación da violencia machista. Estaban tamén convidados a formar parte da Mesa a Deputación de Pontevedra, que non asistiu, e o Xulgado de Primeira Instancia de Caldas, que mediante un escrito excusou a súa ausencia.
Os integrantes deste novo órgano participaron no pasado mes de decembro nunhas xornadas formativas nas que se estableceron as funcións e obxectivos específicos da Mesa Local contra a violencia de xénero. Entre as primeiras destacan: mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero, optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero, ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas, mellorar a protección das vítimas consideradas de alto risco e informar e sensibilizar na materia tanto aos profesionais como á poboación en xeral.
No tocante aos obxectivos, inclúen:
- Informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral
- Articular estratexias de abordaxe da violencia de xénero entre os distintos axentes participantes na mesa
- Identificar pautas de violencia e establecer criterios de detección precoz que fortalezan a prevención e a mellora da atención ás mulleres
- Coordinar as campañas de sensibilización que se leven a cabo a nivel local
- Aproveitar os recursos existentes en Valga contra a violencia de xénero e ofrecer unha resposta áxil ás vítimas
- Canalizar as demandas de información que se reciben cara a instancias superiores, co obxectivo de mellorar a protección e atención ás mulleres vítimas
- Crear unha unidade específica de intervención inmediata para realizar un seguemento dos casos máis graves