- Agasallounos con caramelos e repartiu abrazos entre os máis pequenos
- Algúns alumnos xa falaran con el por videoconfencia a semana pasada
Valga, 20 de decembro de 2017.
Papá Noel xa está en Valga con todos os regalos que lle pediron os nenos do municipio e que repartirá por todas as casas na noite do día 24. Pero antes non quixo perder a oportunidade de visitar a algúns dos rapaces valgueses, en concreto ao alumnado do Centro Rural Agrupado e da Escola Infantil Municipal.
Os nenos recibírono con moita alegría, aínda que tamén con algunha bágoa entre os máis pequerrechos. Papá Noel regaloulles caramelos, para que vaian endulzando a espera ata Noiteboa, e repartiu abrazos entre os nenos e os seus mestres.
Comezou o seu percorrido na escola de Campaña e continuou despois visitando as unitarias de Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza. Os alumnos do CRA xa puideran falar con Papá Noel por videoconferencia a semana pasada, cando aínda estaba en Laponia tomando boa nota de todos os regalos que tiña que traer a Valga.
A visita de Santa Claus aos centros educativos da vila rematou na Escola Infantil Municipal.