Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As actividades, organizadas polo CSM Galicia, contaron coa participación dos mestres Todd Williamson, Antonio Romero e Ángel Luis Quintana

- O vindeiro sábado terá lugar a conferencia “Filosofía e Música” a cargo de Javier Turnes

Violonchelo1

Valga, 4 de febreiro de 2020.

O Auditorio Municipal recibiu a pasada fin de semana a máis dunha ducia de músicos que participaron nas dúas Masterclass organizadas polo Centro Superior de Música (CSM Galicia), co contrabaixo e o violonchelo como instrumentos protagonistas.

A clase maxistral de contrabaixo foi impartida por Antonio Romero e Todd Williamson, ambos mestres do CSM. Romero ten colaborado con orquestras como a Sinfónica de Galicia, aa Real Filharmonía de Galicia ou a Orquesta Sinfónica de RTVE. Foi galardoado co 2º premio no XI Concurso Deputación de Toledo para instrumentos de corda, e o 3º premios á Excelencia da Fundación Paidea e na International Music Competition London Grand Prize Virtuoso, entre outras distincións.

Todd Williamson, pola súa banda, actuou ao longo da súa traxectoria como contrabaixo principal para a Sinfónica de Galicia, a Orquestra Gulbenkian en Lisboa e a Sinfónica Kyushu en Xapón, ademais doutras colaboracións con distintas agrupacións internacionais.

A masterclas de violonchelo, que se celebrou o domingo, foi impartida polo solista da Orquestra Nacional Ángel Luis Quintana, un dos principais representantes do violonchelo español na actualidade, distinguido pola crítica como “destacado herdeiro da tradición de Casals e Cassadó”.

Actividades durante todo o mes de febreiro

O Centro Superior de Música continuará desenvolvendo durante todo o mes de febreiro actividades formativas no Auditorio. O vindeiro sábado, día 8, celebrarase unha conferencia sobre “Filosofía e Música” a cargo de Javier Turnes.

Unha das principais citas do mes terá lugar entre os días 13 e 16, cando terá lugar unha clase maxistral de Dirección de Orquestra impartida por Cristóbal Soler. Considerado un dos directores máis importantes da súa xeración e cunha traxectoria en constante ascenso, Soler foi director titular do Teatro da Zarzuela de Madrid e ten colaborado e actuado coas mellores orquestras a nivel nacional e internacional. No pasado mes de outubro dirixiu o concerto dos Premios Princesa de Asturias.

Nas mesmas datas, entre o xoves 13 e o domingo 16, Soler coincidirá no Auditorio coa soprano Lorena Valero, que dirixirá unha clase maxistral de Canto. Valero destaca pola súa elevada técnica vocal e a súa sensibilidade e unha voz adaptable a todos os rexistros.

Por último, o sábado 22 de febreiro terá lugar a última masterclass do mes adicada á Música negra do século XX e impartida polo pianista Alejandro Casquero.

As persoas interesadas en inscribirse nalgunha destas actividades pode facelo a través da páxina web https://www.csmgalicia.com/eventos-de-csm-galicia/ .

Violonchelo2 Violonchelo3

Contrabaixo1

Volver