Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Foi impartida pola técnica do Centro de Información á Muller Marcela Santorum

- Abordaron cuestións como a loita contra a discriminación laboral ou a violencia de xénero

ObradoiroIgualdade2

Valga, 4 de febreiro de 2020.

Os vinte aprendices que dende comezos do mes de decembro participan no Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV, promovido polos concellos de Valga e Moraña, recibiron nas últimas xornadas formación complementaria de “Sensibilización en igualdade de oportunidades”.

O módulo, de dez horas de duración, foi impartido pola psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), Marcela Santorum. O obxectivo é dar a coñecer ao alumnado os diferentes plans e políticas institucionais que están en marcha para a loita contra a discriminación laboral e para favorecer o acceso en condicións de igualdade ao mercado de traballo.

Tamén abordaron outras cuestións de grande trascendencia a nivel social coma a violencia de xénero, tomando conciencia sobre este problema e coñecendo os diferentes programas e medidas preventivas para tratar de erradicala.

Esta formación foi impartida en paralelo ás sesións teóricas das especialidades de forestais e albanelería e tamén ao tempo que os aprendices realizan as primeiras obras prácticas. En Valga, o módulo de forestais xa levou a cabo as primeiras actuacións en espazos coma o Parque Irmáns Dios Mosquera, con podas de saneamento con medios manuais e mecánicos. Estas labores, así como traballos de desbroce, rareo, queimas controladas e plantación de especies arbóreas, continuarán en próximas datas noutras áreas de esparexemento e lecer do municipio: a lagoa Mina Mercedes, a praia fluvial de Vilarello, o Miradoiro de Beiro e o Camiño Portugués.

O módulo de albanelería tamén ten previsto realizar varias obras en Valga, entre elas a adecuación da terceira planta do Edificio Administrativo e melloras no pavillón de deportes de Beiro.

ObradoiroIgualdade1

Volver