- Núñez Feijóo recoñeceu que a falta de solo industrial é un problema “de primeiro nivel” para o municipio
- O alcalde pediu aos empresarios que, na medida das súas posibilidades, contraten a veciños de Valga
Valga, 3 de febreiro de 2020.
Como xa é tradicional coincidindo co día de San Brais, o goberno municipal celebrou hoxe a comida de traballo anual cos empresarios de Valga, á que ademais asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A administración autonómica estivo tamén representada polos conselleiros de Industria e Medio Rural, o director xeral de Desenvolvemento Rural e o delegado da Xunta en Pontevedra. Por parte do goberno local asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, o tenente alcalde, Román Castro, e a concelleira de Industria e Emprego, Carmen Gómez.
No encontro participaron directivos de empresas asentadas en Valga: Urovesa, Extrugasa, Exlabesa, Intavalsa, Comercial Dialcea (antiga Hormadisa), Grupo Lema, Transportes Jamardo, Eldesa, Montaxes Eléctricas Víctor Castiñeiras, Grupo Barton, Serrerías Rodríguez, Carpintería Valdeza, Transportes Touceda e Grupo ODL.
Durante o encontro abordáronse asuntos de interese para o desenvolvemento da economía local, como a posibilidade de dotar a Valga de solo industrial para dar resposta á demanda por parte de empresas locais e das súas industrias auxiliares. O alcalde destacou que “en pouco máis dun quilómetro cadrado” do territorio valgués hai concentrados máis de 1.500 postos de traballo. “Somos unha potencia industrial e, sen embargo, non dispoñemos dun só metro cadrado de terreo público que ofrecer ás empresas”. “Hai demanda de solo”, reiterou Bello Maneiro, que lamentou que nos últimos tempos dúas empresas tiveran que marchar de Valga por falta de terreos. “O polígono empresarial é básico para Valga”, dixo o rexedor.
O presidente da Xunta recoñeceu que se trata “dunha necesidade de primeiro nivel”, mentras que o presidente da asociación de empresarios do Ulla-Umia, Andrés Quintá, advertiu que “Portugal, cunha importante oferta en polígonos industriais, tense convertido nun centro de captación que fai perigar a permanencia de grandes empresas en Galicia”.
Quintá plantexou unha serie de necesidades do sector a nivel local e tamén xeral, para as que pediu “solucións imaxinativas”. Un exemplo é a importancia de adaptar o sistema formativo ás necesidades das empresas xa que “só así seremos máis competitivos e poderemos poñer fin á lacra do desemprego e á falta de man de obra cualificada para as nosas fábricas”. Solicitou máis apoio para os emprendedores e unha revisión da política fiscal para reducir “as cargas que asfixian tanto aos empresarios como aos traballadores e reducen a capacidade de consumo e inversión”. Neste sentido, o alcalde lembrou que “Valga é o concello coas taxas e impostos máis baixos de toda a provincia de Pontevedra”.
Outros dos proxectos ao que se referiu o presidente de Extrugasa foi á construción dun apeadeiro de ferrocarril no municipio, “de vital importancia para a industria local e comarcal” xa que permitiría reducir custos de transporte das mercadorías e melloraría a competitividade das empresas e a súa capacidade de exportación. O Concello realizou xestións en Madrid para tratar de sacar adiante este proxecto.
A importancia de potenciar sectores como agrogandeiro ou o forestal en entornos rurais coma Valga tamén se abordou. Por unha parte, trátase de promover un proxecto piloto de concentración parcelaria nas zonas de Martores, Vilares e Laceiras e, por outra, de impulsar a posta en marcha dunha destilería para a produción dun dos produtos estrela de Valga, a caña do país.
O presidente da Xunta referiuse ao empresariado de Valga como “a clave deste concello” e agradeceulles “o voso traballo e o emprego que dades”. Na mesma liña, o alcalde recalcou que “sen vós Valga non sería o mesmo” e pediulles que, na medida do posible, contraten a xente empadroada na vila.
Ao rematar o xantar, Bello Maneiro agasallou a Núñez Feijóo coa botella conmemorativa da última Festa da Anguía e da Caña do País.