Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Mulleres da parroquia portaron as cestas coas ofrendas dende Vilar e ata a igrexa de Cordeiro

- A pata de porco máis codiciada acadou na subasta un prezo de 125 euros

lacons20 0

Valga, 2 de febreiro de 2020.

A parroquia de Cordeiro vestiuse de festa para celebrar o Día da Candeloria coa tradicional Procesión dos Lacóns, que esta mañá fixo o percorrido entre Vilar e a igrexa de Cordeiro acompañada por multudide de veciños. A coincidencia en domingo e a xornada solleira propiciaron que numerosas persoas se sumaran á camiñata de acompañamento ás ofrendas e a os santos Antonio, Roque e Paio. Foi, sen dúbida, a procesión máis concorrida dos últimos anos.

Mulleres da parroquia potando nas súas cabeza as cestas coas patas de porco e un grupo de nenos encabezaron a comitiva, que tivo como punto de partida a capela de Vilar. Alí, ás 10 da mañá, o sacerdote Manuel López Castro realizou a bendición das candeas e oficiou unha misa antes de dar saída á peregrinación por sete aldeas da parroquia. De Vilar saíron cinco dos lacóns ofrecidos e na primeira parada, en Vilarello, sumáronse tres máis.

Unha longa salva de bombas e a música dun grupo de gaitas anunciaban a chegada da procesión a cada unha das aldeas. Como é costume, en varias das paradas os veciños engalanaron altares con flores e cruces feitas con laranxas nas que repousaron San Antonio, San Roque e San Paio mentras o paso descansaba e as mulleres que o guiaban collían folgos. En Ferreirós, recibíronos cunha merenda con galletas, magdalenas e uns grolos de anís e viño doce. Foi só aperitivo do convite que uns minutos despois lles ofreceu o cura no interior da reitoral a base de tortilla, bocadillos e outros petiscos.

Á chegada á igrexa de Santa Comba a procesión deu unha volta completa ao templo antes de que os tres santos e as ofrendas accederan ao interior. A continuación, o párroco Arturo Lores celebrou a misa solemne que deu paso á subasta das oito patas dos lcaóns entre unha grande expectación. As patas de porco vendéronse por 50 euros, 77, 56, dous por 65, 70, 60 e, o máis codiciado, 125 euros. Recadáronse, en total, 568 euros para a parroquia.

A Procesión dos Lacóns é unha das tradicións relixiosas máis senlleiras de cantas se celebran en Valga e a súa orixe remóntase ao século XIX, cando unha epidemia de peste afectou ao gando e provocou que os veciños comezasen a facer estas ofrendas aos santos. O día 25 de xaneiro –festividade de San Paio– San Antonio e San Roque trasládanse dende a igrexa de Cordeiro ata a capela de Vilar como homenaxe ao patrón desta aldea. Alí permanecen durante máis dunha semana, ata o día da Candeloria, cando San Antonio e San Roque regresan en procesión ata o templo de Cordeiro co acompañamento de San Paio.

lacons20 1 lacons20 2

lacons20 3 lacons20 4

lacons20 5 lacons20 6

          lacons20 7                     lacons20 8

lacons209 lacons2010

lacons2011 lacons2012

lacons2013 lacons2014

          lacons2015             lacons2016

lacons2017 lacons2018

lacons2019

 

Volver