Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Renovaranse as redes de augas pluviais e abastecemento, reconstruiranse as beirarrúas e instalaranse pasos de peóns elevados

- A Xunta aportará o orzamento total do proxecto e o Concello asumirá a titularidade do tramo renovado

VistaFerreirós

Valga, 1 de febreiro de 2020.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron esta semana o convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia para executar a primeira fase das obras de dotación de servizos e pavimentación da estrada PO-190, en Ferreirós (Cordeiro).

A Xunta de Galicia financiará integramente o proxecto, valorado en 364.995’52 euros, con cargo ao Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (Plan MOVE). Pola súa parte, o Concello encargarase de licitar e contratar as obras e asumirá a titularidade do treito de estrada renovado, entre os puntos quilométricos 0 e 0’470.

Neste tramo de case medio quilómetro de lonxitude executaranse traballos de renovación da rede de augas pluviais na súa totalidade, solucionando así os problemas actuais de filtracións e vertidos de augas pluviais ás tubaxes de saneamento. Tamén se renovarán as redes de abastecemento e a iluminación, procedendo a soterrar a rede eléctrica e varios tramos da teléfonica.

Ademais, levarase a cabo a mellora das beirarrúas e a eliminación de barreiras arquitectónicas de cara a unha mellor accesibilidade. E, a efectos de mellorar a seguridade vial, construiranse pasos de peóns elevados para ralentizar o tráfico rodado na zona..

Outros traballos incluídos no proxecto son a construción de varios muros tanto de sostemento da estrada como de contención de terras, a mellora da calzada cunha nova capa de aglomerado e a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Volver