- O instituto adquiriu dez computadores portátiles que os estudantes poderán utilizar para a realización de traballos escolares
- O centro estrea o vindeiro xoves, día 6, outra iniciativa cultural: o Cine Fórum, coa proxección de “Zorba, el griego”
Valga, 30 de xaneiro de 2020.
O IES de Valga acaba de habilitar un servizo de préstamo de ordenadores para o alumnado, co obxectivo de facilitar o seu acceso ás novas tecnoloxías.
O instituto adquiriu recentemente dez computadores portátiles coa finalidade de emprestalos aos estudantes que os precisen para a realización de traballos escolares.
A directora do IES, Dolores Rego Balsa, considera que “resulta un tanto anacrónica unha aprendizaxe que non inclúa de forma activa a procura de información en Internet e a presentación de traballos en soporte electrónico, ao igual que xa son poucas as actividades profesionais que se poidan desenvolver con normalidade prescindindo das novas tecnoloxías”.
Cada alumno que teña interese no préstamo dun destes ordenadores poderá levar o equipo á súa casa durante dous días, renovables no caso de non existir máis demanda nese período. En caso de que o programa funcione satisfactoriamente, o instituto non descarta incluso a adquisición de máis equipos, sempre “na medida das posibilidades do centro e se a demanda o xustifica”, explica a directora.
Cine Fórum, a próxima semana
Por outra parte, o IES estrea a vindeira semana outro dos seus novos proxectos culturais: o Cine Fórum. A sesión inaugural terá lugar o xoves 6 de febreiro a partir das 16:30 horas na biblioteca do centro.
Proxectarase o clásico “Zorba, el griego” (1964) unha película recomendada para todos os públicos que foi dirixida por Michael Cacoyannis. O reparto está encabezado por Anthony Quinn, que interpreta ao protagonista nun dos papeis que marcaron a súa carreira cinematográfica.
Nesta comedia dramática un mozo escritor inglés viaxa a Creta para tomar posesión dunha pequena propiedade que herdou. Na viaxe coñece a Zorba, un home de carácter vitalista e de costumes primitivas, que exerce sobre el unha gran influencia. A historia relata a relación que xorde entre estes dous personaxes, que representan o conflito humano entre a paixón e razón.
A asistencia está aberta a toda a comunidade educativa e tamén a todos os veciños interesados na cultura e, en particular, no cine.