Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O 11 de febreiro terá lugar unha reunión informativa na unitaria de Campaña e os días 12 e 13 poderán visitarse as diferentes escolas

- O prazo de solicitude de admisión para o vindeiro curso estará aberto entre o 1 e o 20 de marzo

CartelCRA

Valga, 28 de xaneiro de 2020.

O Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga, que este ano celebra o seu 20 aniversario, organiza unhas xornadas de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e tamén o proxecto educativo que se desenvolve nas escolas unitarias que o conforman: Campaña, Ferreirós, Vilarello, Xanza, Chenlo e Forno, nas que se imparte segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 6 anos).

O martes 11 de febreiro terá lugar na escola de Campaña ás 15:30 horas unha reunión informativa á que poden asistir todas as familias que o desexen para coñecer o proxecto educativo do CRA. Neste encontro explicarase, tamén, o proceso de matrícula.

O mércores 12 e o xoves 13 de febreiro as familias poderán visitar as escolas que desexen e sen previo aviso entre as 12 e as 13 horas.

Nestas xornadas poden participar familias, tanto de Valga como doutras localidades, interesadas en matricular aos seus fillos ou, simplemente, en coñecer o funcionamento do CRA e das seis escolas que o integran, que contan neste curso cun total de 60 alumnos (unha media de dez nenos por aula). O prazo para presentar as solicitudes de admisión para o vindeiro curso 2020/21 estará aberto entre o 1 e o 20 de marzo.

O proxecto educativo do CRA

Coa mesma estrutura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente educativo familiar que facilita a adaptación dos escolares.

A xornada do centro é de 9 a 14 horas e o seu modelo metodolóxico baséase no traballo por proxectos e a coordinación entre as titoras, as mestras especialistas e o persoal de apoio, con atención personalizada e individualizada dos escolares. O alumnado está escolarizado en aulas mixtas que favorecen a aprendizaxe mediante a titoría entre iguais, o traballo cooperativo e a formación de grupos heteroxéneos. Ademais, para a atención á diversidade do alumnado, o CRA conta cun Departamento de Orientación, do que forma parte unha especialista en Audición e Linguaxe e Pedagoxía terapéutica, así como unha coidadora.

A innovación e as novas tecnoloxías forman parte da actividade diaria do CRA de Valga, mediante a dotación nas aulas de novas ferramentas e materiais TIC como PDI, robots educativos, tablets ou smartphones que, ademais, permiten unha maior cercanía coas familias a través das novas formas de comunicación.

Outro dos sinais de identidade do Centro Rural Agrupado é a apertura á contorna e ás familias, destacando a implicación destas en numerosas actividades, o intercambio de información diario e a colaboración con outros organismos e institucións coma o Concello, a ANPA Pequeval –que realiza actividades extraescolares de natación e inglés–, os colexios adscritos, gabinetes psicopedagóxicos, atención temperá, etc.

O equipo docente

O CRA de Valga conta cun equipo docente integrado polos seguintes profesionais:

  • 6 mestras titoras (unha por aula)
  • 2 mestras de apoio
  • 1 mestra especialista en inglés (2 horas semanais en cada aula)
  • 1 mestre especialista en educación musical (2 horas semanais en cada aula)
  • 1 mestre especialista en educación física (2 horas semanais en cada aula)
  • 1 mestra de relixión
  • 1 orientador
  • 1 coidadora para o alumnado con necesidades educativas especiais
  • 1 auxiliar de conversa nativa en lingua inglesa que acompaña na docencia á mestra especialista de inglés
  • 1 mestra especialistas en audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica para a atención do alumnado con necesidades e que, ademais, realiza unha sesión semanal en cada aula para un programa da estimulación da linguaxe de todo o alumnado

Pogramas nos que está inmerso o centro:

  • Plurinfantil: con auxiliar de conversa nativa en lingua inglesa
  • Plan de formación permanente do profesorado: innovación educativa enfocada á organización de espazos exteriores e a aspectos organizativos do centro: patios dinámicos, metodoloxías activas, proxecto educativo…
  • Contratos programa: acción en colaboración coa Consellería de Educación en busca da mellora da convivencia do centro e da excelencia educativa
  • Plan proxecta: programas coma Aliméntate ben, Proxecto Deportivo de Centro, Proxecto Ríos...
  • Voz Natura: programa en colaboración con La Voz de Galicia que subvenciona proxectos medioambientais desenvoltos no centro
  • Plan Revitaliza en colaboración coa Deputación de Pontevedra: accións relativas ao tratamento de residuos
  • Recreo residuos cero: compromiso de reducción de plásticos
  • Merendas saudables: calendario de merendas saudables e programas de froitas e verduras

Información de contacto:

  • Teléfono: 886 151 724
  • E-mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  • Web: http://www.edu.xunta.gal/centros/cravalga/
  • Blog: http://cradevalga.blogspot.com/
  • Instagram: @cradevalga

DÍPTICOCRA1

DÍPTICOCRA2

Volver