Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Alemáns e portugueses foron as nacionalidades máis repetidas

- Máis de 94.600 camiñantes pasaron por Valga o pasado ano a través dos camiños Portugués e da Costa

CamiñoPortugues

Valga, 23 de xaneiro de 2020.

O albergue de Valga rexistrou durante o pasado ano un total de 4.747 pernoctas de peregrinos que se dirixían cara a Santiago a través do Camiño Portugués ou o Camiño Portugués da Costa. Setembro foi o mes con máis hóspedes (751), seguido de agosto (719), maio (708) e abril (698).

As instalacións valguesas, que forman parte da rede pública de albergues de Galicia xestionada pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, contan con 78 prazas distribuídas en tres habitacións e dispoñen, ademais, de cociña, comedor, duchas con auga quente, almacén de bicicletas, botiquín, calefacción central, sala de reunións, lavandeiría con lavadora, secadora e tendedeiro, así coma un xardín. O prezo da pernocta é de oito euros por persoa e o horario de admisión é de 13 a 22 horas.

As nacionalidades máis habituais entre os peregrinos que elixen o albergue do Pino son a alemá, seguida de portuguesa, italiana, estadounidense e holandesa. Os peregrinos españois limítanse sobre todo á época estival, especialmente o mes de agosto.

Segundo os datos estatísticos da Oficina do Peregrino, no pasado ano foron 94.649 os camiñantes que pasaron por Valga, o que representa o 27’23% do dotal de persoas que obtiveron a Compostela. Destes máis de 94.600 peregrinos, 72.357 fixeron o Camiño Portugués, mentras que os restantes 22.292 elixiron o Camiño Portugués da Costa. Estas dúas vías a Santiago captan cada vez máis camiñantes, sendo a segunda e a terceira rutas máis transitadas.

Volver