- O proxecto, que se levará a cabo grazas a un equipo de voluntarios e en coordinación cos Servizos Sociais, contará nunha primeira fase con 20 beneficiarios
- Tamén inclúe o financiamento de audífonos a aquelas persoas que carezan de recursos económicos
Valga, 22 de xaneiro de 2020.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o director xeral da Fundación “Amigos de Galicia”, Jesús Busto, asinaron esta mañá un acordo de colaboración para a posta en marcha dun programa de primeira atención e seguemento de persoas maiores que viven soas.
Trátase dunha iniciativa que terá como beneficiarios a un colectivo tan vulnerable como son aqueles veciños que se atopan en situación de soidade, carecen de arraigo familiar e non dispoñen de ningún contacto ao que dirixirse nin a ninguén que lles axude cos seus problemas cotiás.
Este programa levarase a cabo en coordinación co departamento de Servizos Sociais do Concello e grazas a un equipo de voluntarios que terán un contacto diario ou semanal cos participantes, en función das necesidades de cada un e sempre baixo as instrucións dos traballadores sociais.
O Concello encargarase de elaborar un censo de persoas maiores de 65 anos que viven soas e realizarase unha primeira selección de vinte beneficiarios que serán os que participen inicialmente no programa. Con eles realizarase unha primeira reunión de coordinación para a posta en marcha do programa, á que asistirán traballadores sociais e tamén unha psicóloga e un avogado de “Amigos de Galicia”. Logo desta primeira toma de contacto, realizaranse entrevistas persoais para avialiar as necesidades de cada usuario.
O obxectivo é ofrecerlles acompañamento, asistencia e asesoramento. Proporcionaránselles contactos de referencia para poder axudarlles a resolver os seus problemas de illamento e favorecer o seu proceso de sociabilización e tamén se lles axudará e ensinará, na medida do posible, a realizar trámites dixitais como a solicitude de citas médicas, trámites bancarios ou coa administración.
Por outra parte, o acordo asinado entre o Concello e a Fundación tamén recolle o financiamento de audífonos a persoas mairoes qu os necesiten a carezan de recursos económicos para pagalos.