Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Concello a Consellería puxeron en marcha en outubro o proxecto piloto para a reparación e reutilización de mobles, pequenos electrodomésticos e materiais téxtiles

- Ángeles Vázquez tamén se referiu á recuperación da antiga liña de vagonetas: “Estamos facendo as valoracións para que este proxecto poida ser unha realidade”

ÁngelesVazquez1

Valga, 21 de xaneiro de 2020.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, realizou esta mañá unha visita a Valga para poñer á vila como exemplo para toda Galicia en materia de prevención de xeración de residuos domésticos e de educación sustentable.

Valga foi o primeiro municipio da comunidade en poñer en marcha, coa colaboración da Consellería, un proxecto piloto de autorreparación e reutilización de roupa, mobles e pequenos electrodomésticos, co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos do fogar, aumentando a reciclaxe e dándolles unha nova vida a aparellos e obxectos que xa non tiñan uso coa fin de evitar o seu desperdicio. Agora, esta iniciativa vaise expandir a un total de setenta entidades galegas, non só concellos, senón tamén universidades e empresas.

O servizo, que ten como sede o Centro para persoas con discapacidade (CODI), vén funcionando dende o pasado mes de outubro, axudando aos veciños a dar un novo uso a prendas e materiais téxtiles que xa non empregaban, a restaurar mobles e a arranxar pequenos electrodomésticos. Estes tres obradoiros permitiron, ademais, ampliar a gama de actividades que se ofrece ás persoas con discapacidade que a diario acoden ao CODI e que tamén participan en talleres de reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos, cerámica, manualidades, pintura e musicoterapia, entre outros.

“Hoxe Valga é o punto ideal que temos que expandir por toda Galicia”, dixo a conselleira, que estivo acompañada polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Román Castro, Carmen Gómez, Begoña Piñeiro, Pedro Calvo e Malena Isorna. Tamén participou na visita a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira.  “De non ser por iniciativas coma esta, a maioría dos produtos que aquí se reciclan acabarían no lixo e, ademais, serve tamén como un proxecto de integración para as persoas con discapacidade”, destacou Ángeles Vázquez.

O alcalde agradeceu á Consellería que “contara co noso concello para a posta en marcha deste proxecto, co que estamos moi ilusionados xa que reforza o centro de persoas con discapacidade no que levamos anos traballando e, ademais, ofrécese un servizo importante para os veciños e a nivel medioambiental”. Bello Maneiro non pasou por alto que o CODI se está financiando actualmente con axudas da Consellería de Política Territorial pero lembrou que nos últimos anos pasou por tempos difíciles ao ter que financiar o Concello integramente a súa actividade e mantemento despois de que a Deputación de Pontevedra lle retirase as subvencións.

Liña de vagonetas entre o río Ulla e Mina Mercedes

Na súa visita a Valga, a conselleira referiuse tamén ao proxecto impulsado polo Concello para recuperar a antiga liña de vagonetas aéreas entre o río Ulla e a Mina Mercedes con fins turísticos. “Este é un dos grandes proxectos que ten o alcalde e cónstame que está chamando a todas as portas, unha delas a da Consellería de Medio Ambiente”, indicou Ángeles Vázquez. “Estamos facendo as valoracións pertinentes para que, ao igual que imos contribuír con outros concellos da contorna e coa Deputación para sacar adiante a Vía Verde, poidamos entre varias administracións facer que esta iniciativa sexa unha realidade para Valga. Sería un fito de atracción turística e para o desenvolvemento da economía local”.

A este respecto, o alcalde sinalou que “ao igual que a Deputación se implicou no proxecto da Vía Verde do Salnés, poña o mesmo interese con Valga, aínda que de momento non tivemos resposta pola súa parte”. Bello Maneiro explicou que o Concello está presentando esta iniciativa ante as distintas administracións para intentar conseguir financiación por diferentes vías, xa que “é un proxecto senlleiro e de moito interese para Valga e para o seu desenvolvemento a nivel turístico”.

ÁngelesVazquez2 ÁngelesVazquez3

ÁngelesVazquez4 ÁngelesVazquez5

ÁngelesVazquez6 ÁngelesVazquez7

ÁngelesVazquez8

Volver