- Os aprendices de albanelería e forestais participan tamén en actividades sobre orientación laboral
- O obxectivo do Obradoiro é favorecer a empregabilidade dos vinte participantes
Valga, 20 de xaneiro de 2020.
O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV dos concellos de Valga e Moraña está participando nos últimos días en diversas actividades complementarias relacionadas co emprendemento, a creación de empresas e orientación laboral.
O xoves un técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta estivo no Auditorio Municipal impartindo aos vinte aprendices que participan no Obradoiro a charla “Equipos emprendedores, ideas e proxectos empresariais”, na que lles explicou cuestións como as oportunidades de emprendemento, o valor das ideas e o proceso para poñer en marcha unha empresa, tanto a nivel técnico e legal coma na vertente económica e comercial.
Para complementar esta actividade, os vinte alumnos das especialidades de albanelería e forestais están tamén recibindo formación en creación de empresas, cunha duración total de 30 horas e que corre a cargo da Técnica de Emprego do Concello, María José Devesa.
Tendo o Obradoiro de Emprego como obxectivo principal favorecer a inserción dos participantes no mercado de traballo, os alumnos están adquirindo unha serie de nocións en materia de orientación laboral. Isto abarca cuestións como a elaboración do currículo, como afrontar unha entrevista de traballo ou unha proba de selección ou cales son os principais canais de búsqueda de emprego. O obxectivo é que aprendan a sacar o maior partido a todas as ferramentas das que dispoñen para acadar a súa inserción laboral.