- A actividade formativa, do Plan AFD da Xunta, inclúe a realización de prácticas en empresas
- O alcalde e a concelleira de Educación e Emprego visitaron esta mañá aos participantes
Valga, 16 de xaneiro de 2020.
Quince persoas desempregadas participan nun curso de Operacións de gravación e tratramento de datos e documentos que se imparte nas dependencias do Centro para persoas con discapacidade (CODI), en Baño.
Trátase dun curso con certificado de profesionalidade do Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) orientado ao traballo de auxiliar administrativo que foi solicitado polo Concello á Consellería de Economía e Emprego.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación e Emprego, Carmen Gómez, visitaron esta mañá aos participantes e animáronos a sacar o máximo proveito desta acción formativa, para que lles sexa de utilidade no seu futuro laboral.
O curso comezou a impartirse o pasado 23 de decembro e nas primeiras semanas estase desenvolvendo o primeiro módulo sobre gravación de datos. Inclúe formación en mecanografía –para algún alumno este é o seu primeiro contacto con ordenadores–, tipos de documentos, corrección de erros e tamén ergonomía ou como colocarse no posto de traballo.
Posteriormente, impartiranse outros módulos de programas de ofimática (Word, Excel, presentacións e follas de cálculo, entre outros) e sobre arquivo e reprodución de datos e documentos. Os matriculados tamén recibirán formación sobre comunicación e atención ao público e asistirán a dous módulos transversais de inserción laboral e igualdade de xénero.
O curso prolongarase ata comezos do mes de maio e, ademais de todos os contidos teóricos, inclúe a realización de prácticas en empresas.