- A sesión terá lugar o luns 22 de xaneiro a partir das 11 horas e é necesaria inscrición previa
- Tocaranse temas como os distintos tipos de tarifas, a permanencia, o roaming ou a portabilidade
Valga, 15 de xaneiro de 2018.
A Aula CeMIT de Valga retransmite por videoconferencia o vindeiro 22 de xaneiro a charla “Telefonía móvil: facturación e reclamacións”, promovida pola Escola Galega de Consumo e orientada a todos os públicos (persoas de entre 16 e 85 anos de idade).
A conferencia, cunha duración aproximada de hora e media, dará comezo ás 11 da mañá e abordará os principais conceptos que os consumidores deben manexar e ter en conta no tocante á contratación e relación coas compañías de telefonía móvil. Falarase, deste xeito, de cuestións como os distintos tipos de tarifas, a permanencia, o roaming ou a portabilidade, entre outras.
Tamén se analizarán as principais reclamacións en materia de telefonía móvil e ofreceranse aos participantes unha serie de consellos para realizar un uso responsable dende o punto de vista do consumo.
Para asistir á videoconferencia é necesario inscribirse con anterioridade. Pode facerse premendo no seguinte enlace (https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/23677) ou na Aula CeMIT de Valga, emprazada no Auditorio Municipal. O número de prazas dispoñibles é de 20.