- As colas ás portas do local de Campaña mantivéronse ata o último día, no que se recibiron oito excursións
- O nacemento aínda pode ser visitado por grupos organizados ata o mes de setembro, concertado cita no teléfono 630 95 25 15
Valga, 13 de xaneiro de 2020.
O Belén Artesanal en Movemento pechou onte domingo a súa edición de maior éxito e na que superou todos os rexistros de visitantes.
Un exemplo da gran acollida que a montaxe tivo entre o público viviuse onte mesmo, día de clausura. Tradicionalmente esta non adoita ser unha xornada de moitas visitas e, sen embargo, nesta ocasión foron arredor de dúas mil as persoas que pasaron por Campaña para dar a súa particular despedida ao Nadal. Volveron a rexistrarse colas ás portas do nacemento e recibíronse un total de oito excursións, dúas pola mañá e seis pola tarde. Algunhas das procedencias destes últimos autobuses da edición foron Vila de Cruces, Gondomar, Ponferrada, Ferrol ou A Coruña.
Os 46.000 visitantes que se contabilizaran o ano pasado foron superados de largo nesta edición, unha tendencia á alza que xa se percibiu dende os primeiros días de apertura, a comezos de decembro. Na primeira semana, coindicindo coa ponte da Constitución, máis de 11.000 persoas xa pasaran polo Belén Artesanal. E na segunda fin de semana o nacemento bateu os seus propios rexistros ao recibir a trinta e seis excursións en dous días.
As aglomeracións e ringleiras de visitantes mantivéronse durante o resto das datas de Nadal, especialmente nas fins de semana e nas xornadas festivas, que foron aproveitadas por milleiros de persoas para acudir a ver a montaxe realizada pola asociación Amigos do Belén. Entre semana tamén se advertiu un notable aumento das visitas, sobre todo durante as vacacións escolares. E a isto hai que engadir as ducias de centros educativos, centros de día e asociacións de toda Galicia que concertaron cita para acudir a ver o Belén fóra do seu horario habitual de apertura.
Hai que lembrar que ata o mes de setembro o nacemento, declarado de Interese Turístico de Galicia, aínda pode ser visitado por grupos organizados, que deben chamar ao número de teléfono 630 95 25 15 para fixar data.
Gañadora do concurso
Trala clausura, onte á noitiña resolveuse ademais o concurso para localizar, entre as máis de 4.500 figuriñas do Belén, a un personaxe famoso seguindo unha serie de pistas. Nesta ocasión tratábase de Isa Pantoja e a gañadora foi Victoria Martínez Fernández, natural de Valga pero actualmente residente nas Illas Canarias. Como premio poderá elixir a figura que queira do nacemento entre as que non teñen movemento.