- Anthony Quinn encabeza o reparto deste clásico, que foi galardoado con tres premios Oscar
- A proxección, que terá lugar na biblioteca do centro, está aberta á asistencia de todos os veciños
Valga, 10 de xaneiro de 2020.
O IES de Valga emprende un novo proxecto cultural coa posta en marcha dun Cine Fórum que se estrea o día 6 de febreiro coa proxección do clásico “Zorba, el griego”. Terá lugar na biblioteca do centro a partir das 16:30 horas con asistencia aberta a todos os veciños interesados na cultura e, en particular, no cine.
“Zorba, el griego” (1964) está baseada na novela “Vida y aventuras de Alexis Zorbas”, de Nikos Kazantzakis. A película, recomendada para todos os públicos, foi dirixida por Michael Cacoyannis e o reparto está encabezado por Anthony Quinn, que interpreta ao protagonista nun dos papeis que marcou a súa carreira cinematográfica.
Nesta comedia dramática un mozo escritor inglés viaxa a Creta para tomar posesión dunha pequena propiedade que herdou. Na viaxe coñece a Zorba, un home de carácter vitalista e de costumes primitivas, que exerce sobre el unha gran influencia. A historia relata a relación que xorde entre estes dous personaxes, que representan o conflito humano entre a paixón e razón.
O filme foi nominado a sete premios Oscar e obtivo tres galardóns á mellor actriz de reparto (Lila Kedrova), mellor fotografía e mellor dirección de arte.
Ademais da película, tamén acadou unha gran repercusión a banda sonora, composta por Mikis Theodorakis, especialmente o tema instrumental “Danza de Zorba”, que os protagonistas bailan ao final da cinta e que se converteu nunha especie de segundo himno en Grecia.
Este Cine Fórum é unha iniciativa que nace con vocación de continuidade, explica Víctor González, profesor de Filosofía do centro e un dos promotores da actividade. “O desfrute e o interese por fomentar o diálogo e o intercambio de opinións en relación coa cultura” son os principais obxectivos. En datas próximas programaranse novas proxeccións, aproximadamente unha cada mes e medio, aínda que a periodicidade estará supeditada á acollida que teña a actividade.