Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A agrupación que dirixe Manuel Villar estreou novo uniforme, en cor azul mariño e con garabata vermella

- Tamén actuou a Orquestra de Cámara da Escola Municipal de Música

FinAno1

Valga, 30 de decembro de 2019.

O Auditorio Municipal despediu o 2019 acollendo un concerto conxunto da Banda de Música Municipal de Valga e a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro, convertido xa nunha tradición cada fin de ano.

Abreu as actuacións a Orquestra de Cámara da Escola Municipal de Música, que interpretou os temas “Na gruta do rei da montaña”, “Pavana da Bela Durminte”, “Radetzky March” e a popular galega “Canto de Nadal en Boimorto”.

Tomou a continuación o relevo a Coral Polifónica, dirixida por Manuel López Castro, que ofreceu un repertorio de Nadal composto polas cancións “Dios eterno”, “Verbum caro factum”, “Canción de cuna” e “Lirio del alba”.

A agrupación vocal está de celebración xa que mañá cúmprense 25 anos da súa primeira actuación, que tivo lugar o 31 de decembro de 1994, coincidindo coa festividade da patroa de Cordeiro, Santa Comba, que precisamente dá nome á Coral.

Na segunda parte do concerto saiu ao escenario a Banda de Música Municipal, cuxos integrantes estrearon uniforme, confeccionado por encargo do Concello. Os novos traxes son de cor azul mariño e as americanas levan bordado o escudo do Concello que combina coas garabatas, tamén de estrea, de cor vermella.

A Banda interpretou “Valse Fantaisie”, “Bandmosters Rock”, “Alalá de Herbón” e “O paxaro”. Nos dous últimos temas a agrupación dirixida por Manuel Villar Touceda estivo acompañada polo solista Nelson Quinteiro.

Para pechar o evento, a Banda e a Coral interpretaron xuntas varias pezas: o pasodobre “La parranda” e as panxoliñas “Vedle nacer”, “O carrapuchiño” e “Noite de paz”. A interpretación do Himno Municipal de Valga pechou a velada.

FinAno2 FinAno3

FinAno4 FinAno5

FinAno6

Volver