Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os inscritos participan en clases individuas e colectivas e realizan traballo técnico e de repertorio

- No mes de xaneiro o Centro Superior de Música ten programadas outras dúas actividades de trompa e clarinete

MCclarinete4

Valga, 27 de decembro de 2019.

Trece alumnos participan na masterclass de saxofón que imparten no Auditorio Municipal Adrián Pais e Xabier Casal, unha actividade organizada polo Centro Superior de Música (CSM Galicia) coa colaboración do Concello de Valga.

A clase maxistral deu comezo onte e continúa durante a xornada de hoxe, incluíndo clases individuais dos dous mestres, clases colectivas, traballo de repertorio e traballo técnico aplicado ao repertorio. Os matriculados, de entre 12 e 21 anos, proceden de distintas localidades de Galicia como Silleda, Betanzos, Lugo, Santiago, Cambados, Dodro e tamén Valga.

Adrián Pais é profesor de saxofón do CSM Galicia. Finalizou os seus estudos superiores en Palma de Mallorca e despois trasladouse a Francia para continuar a súa formación no Conservatorio Rexional de Burdeos. Ten gañado máis dunha decena de premios, entre os que destacan o obtido no 38 Concurso de Música de Cámara Club Lyceum de Lausana (Suíza) ou o outorgado polo Instituto da Xuventude na categoría de Música Clásica do certame Creación Injuve 2012.

Xabier Casal tamén ten no seu haber premios en concursos como o VIII Certame Nacional de Interpretación “Intercentros Melómano” ou no III Concurso Ramón Guzman. Foi solista da Real Filharmonía de Galicia, da Orquestra Sinfónica RTVE, a Sinfónica de Castela e León e a Xoven Orquestra e Coro da Comunidade de Madrid. É membro do cuarteto Fukio Quartet e colabora asiduamente como saxofonista convidado no Oh ton-ensemble de Oldenburg (Alemaña) e na Orchester Düsseldorfer Altstadt Herbst.

Para o mes de xaneiro de 2020 o Centro Superior de Música ten programadas outras dúas masterclass: unha de trompa, impartida por Alberto Arribas e que se desenvolverá entre os días 24 e 25, e outra de clarinete a cargo de Javier Morgade e que terá lugar o día 25. Pode consultarse máis información sobre estas actividades e a inscrición premendo en https://www.csmgalicia.com/eventos-de-csm-galicia/ .

MCclarinete2 MCclarinete3

MCclarinete1

Volver