Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Varias agrupacións do CSM Galicia ofrecerán un ciclo de concertos de Nadal no centro comercial “Área Central” de Santiago

- O alcalde considera “espectacular” o programa de actividades que se levará a cabo en Valga

RP CSM1

Valga, 18 de decembro de 2019.

O Centro Superior de Música de Valga (CSM Galicia) presentou a programación que levará a cabo durante estas festas de Nadal e, ademais, ofreceu un avance, das actividades a desenvolver en 2020, ano para o que o centro ten xa confirmada a presenza de figuras de relevancia internacional coma o barítono Carlos Álvarez ou a concertista de piano Judith Jáuregui.

Os directores do CSM Galicia, Manuel Villar e Pere Molina, e o alcalde, José María Bello Maneiro, compareceron esta mañá no Auditorio para dar a coñecer esta programación, que ten coma primeira cita o concerto de Nadal que se celebrará esta tarde, a partir das 20 horas, no Auditorio e que correrá a cargo dos alumnos do centro. Nas actuacións estarán representadas as diferentes especialidades que se imparten no centro, como vento madeira, vento metal, piano, música moderna ou jazz, entre outras. A entrada é gratuíta.

Durante estas semanas festivas, o CSM Galicia protagonizará un ciclo de concertos no centro comercial “Área Central” de Santiago. A primeira actuación terá lugar mañá xoves, 19 de decembro, a cargo da Orquestra de Jazz do CSM, dirixida por Alfonso Calvo. O día 27 será o turno da Ensemble de Clarinetes, dirixida por Javier Morgade; e o 3 de xaneiro actuará o Combo de Música Moderna, con Alejandro Casquero á batuta. Os tres concertos terán lugar ás 18:30 horas.

Ademais, a partir de xaneiro de 2020 haberá un cita mensual no Auditorio cos alumnos do Centro Superior, que ofrecerán concertos os últimos mércores de mes ás 20 horas e sempre con entrada de balde para todo o público que queira asistir

RP CSM3 RP CSM4

Pere Molina, coordinador de actividades do CSM Galicia, ofreceu un avance dalgunhas das clases maxistrais e concertos que se levarán a cabo durante o vindeiro ano. Algunhas delas serán impartidas por profesores titulares do centro. É o caso, no mes de xaneiro, de Alberto Arribas, mestre de trompa, e Javier Morgade, profesor de clarinete. En febreiro están xa pechadas as masterclass de Tod Williams e Antonio Romero, mestres de contrabaixo, e de Cristóbal Soler, profesor de dirección de orquestra do CSM Galicia e exdirector do Teatro Nacional da Zarzuela de Madrid. As datas de cada unha destas actividades e a información relacionada coas inscripcións poden consultarse na páxina web do centro www.csmgalicia.com, no apartado “Eventos”.

Outras das clases maxistrais que están previstas para 2020 estarán dirixidas por músicos invitados. Por exemplo, a soprano internacional Lorena Valero, o pianista de música moderna Alejandro Casquero ou Ángel Luis Quintana, violonchelo solista da Orquestra Nacional de España, que estará no Auditorio os días 2 e 3 de febreiro.

En marzo visitará o Centro Superior Conrado Moya, uno dos mellores marimbistas do panorama internacional actual. Estará en Valga os días 28 e 29 de marzo xunto a Javier Eguillor, timbaleiro solista da Orquestra Sinfónica de Valencia e actualmente principal invitado no Conservatorio Superior de París. Completará o equipo de percusión Raúl Benavent, solista da Orquestra de Radio Televisión Española.

En abril, os días 4 e 5, terá lugar unha masterclass a cargo do Mikhail Pochekin, solista internacional de Moscú e integrante da Orquestra do Mariinski de San Petersburgo. Nesas mesmas datas o centro contará tamén coa presenza de Vicente Alberola, clarinete solista da Mahler Chamber Orchestra e un dos profesores de clarinete máis solicitados a nivel nacional e internacional.

Entre todos os artistas e profesores invitados cos que contará nos próximos meses o Centro Superior de Música, Pere Molina descatou a dous: a concertista internacional de piano Judith Jáuregui e o barítono Carlos Álvarez. Sobre a primeira explicou que o día 29 de abril ofrecerá un concerto en Pontevedra e “púxenme en contacto co seu ‘manager’ para transmitirlle que estabamos interesados en tela no centro. Afortunadamente, Judith prefireu estar uns días antes en Valga. Non é nada habitual isto –explica Pere Molina–, xa que normalmente os artistas que van a ofrecer un concerto nunha determinada comunidade ou país intentan que sexa unha cita única”.  A pianista fixo unha excepción neste caso e estará no Auditorio o día 27 de abril.

No tocante ao barítono malagueño Carlos Álvarez, é unha figura recoñecida internacionalmente e que actúa nos mellores escenarios do mundo, entre eles o Metropolitan de Nova Iorque, o Covent Garden de Londres ou a Scala de Milán. “Ten pechada a súa axenda ata finais de 2022, pero recentemente chamoume dende o Covent Garden, onde está representando Simón Boccanegra, para propoñernos dúas datas para nós”, relatou Pere Molina durante a comparecencia. “Para nós é un orgullo de que os futuros cantantes poidan gozar con este profesor”.

RP CSM2

Tanto Pere Molina como Manuel Villar amosaron a súa satisfacción polo dinamismo e importante axenda de actividades que está a organizar o Centro Superior de Música, que no seu primeiro curso conta con 40 alumnos. “Conseguir isto en tan poucos meses non é fácil, son moitas horas de traballo, ilusión, empeño e dedicación”. Os directores agradeceron ao Concello o seu apoio para que este ambicioso proxecto estea dando froitos.

Manolo Villar avanzou, por último, algunhas das iniciativas nas que está traballando o CSM Galicia co obxectivo de acadar unha maior expansión. Un deles é a próxima posta en marcha dunha aula virtual que permitirá seguir as actividades e cursos que se leven a cabo en Valga dende calquera parte do mundo. Ademais, estanse organizando uns Campamentos de Verán que realizarán no colexio Lasalle de Santiago durante o mes de xullo.

O alcalde, José María Bello Maneiro, felicitou ao centro pola “espectacular programación” que está promovendo. “Estamos encantados de ter dado colaborado para que este soño sexa hoxe unha realidade”.

 

Volver