Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Para a próxima semana xa hai fixadas outras trece visitas fóra do horario habitual de apertura

- Os grupos poden solicitar cita chamando aos números de teléfono 986 55 94 56 ou 630 95 25 15

Belén19 SalvadorMoreno

Valga, 13 de decembro de 2019.

Centros educativos, centros de día e asociacións de distintas localidades galegas visitaron esta semana o Belén Artesanal en Movemento, que ademais recibiu excursións de León e Asturias, entre outras procedencias. Rexistráronse en total unha decena de visitas concertadas fóra do horario habitual de apertura do nacemento, que esta fin de semana volverá a vivir unhas xornadas multitudinarias. Para mañá sábado e para o domingo está prevista a chegada de numerosos autobuses con excursionistas.

As visitas de centros de ensinanza inaugurounas o IES As Ínsuas, de Muros, que desprazou a Campaña a 25 alumnos das asignaturas de Relixión e Valores de 1º da ESO. Tamén pasaron polo Belén os rapaces do Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga, en total sesenta nenos de 3 a 5 anos das escolas de Campaña, Xanza, Forno, Vilarello, Chenlo e Ferreirós. Dende Vilagarcía chegaron ao nacemento 50 estudantes de Primaria do colexio de Faxilde e, esta mesma mañá, 26 alumnos e 5 profesoras do CPR Salvador Moreno, de Pontevedra.

Tamén nestes días recalaron en Campaña os usuarios de dous centros de día: o de Boiro, cunha expedición formada por 15 persoas, e o de Novoboandanza (A Coruña), dende donde chegaron 18 visitantes. As asociacións de amas de casa foron outras das que concertaron cita para estas xornadas, con 42 visitantes de Pontedeume e 87 de Valdoviño.

Ademais, visitaron o Belén unha ducia de usuarios da Aula CeMIT, veciños de Valga e Pontecesures, e varios grupos de excursionistas, coma un chegado o martes dende León e outro dende Asturias integrado por 42 persoas de Oviedo, Xixón e Avilés.

Ademais destas citas concertadas, o Belén Artesanal continúa recibindo moitísimas outras visitas no seu horario habitual de apertura. As cifras están a ser, como é habitual, elevadísimas e, de feito, durante a primeira semana foron máis de once mil as persoas que acudiron a velo.

O nacemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o 12 de xaneiro. Entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas fóra deste horario a través do número de teléfono 630 95 25 15.

Belén19 CRA de Valga Belén19 AmasCasaPontedeume

Belén19 AmasCasaValdoviño Belén19 Asturias

Belén19 Centro Día Boiro

Volver