- Ambas actividades, promovidas pola cafetería, poden verse adquirindo un bono por 20 euros
- Tamén poden mercarse entradas por separado a 12 euros anticipadas e 15 euros o día do evento
Valga, 11 de decembro de 2019.
A Casa da Cultura acollerá nas dúas próximas fins de semana senllas actuacións nas que o público valgués poderá ver a artistas destacados da escena galega, como Manquiña, Luís Zahera e Pepo Suevos. As actividades son organizadas pola cafetería da Casa da Cultura.
O vindeiro domingo, día 15, ás 22 horas terá lugar un concerto de “Los fabulosos Weekend”, capitaneados polo polifacético Manuel Manquiña. Músicos veteranos como Chema Ríos, Alfonso Espiño e Gonzalo Sende forman tamén parte deste singular conxunto músico-vocal, que ofrecerá un repertorio con versións de temas de rock clásico e outras cancións escritas polo propio Manquiña. As entradas teñen un prezo de 12 euros anticipada e 15 euros se se mercan o día da actuación.
Para o domingo día 22, a partir das 13 horas, a cafetería ten programado o espectáculo de monólogos “Los tres mierdas”, interpretado polos actores Luís Zahera, Pepo Suevos e Chemi Moreno, cos que as risas están aseguradas. O prezo das entradas é o mesmo: 12 euros anticipada e 15 o día do evento.
Para asistir aos dous espectáculos é posible adquirir un bono por 20 euros. Os puntos de venta das entradas son: Radio Valga, Comercial Moncho (Pontecesures) e a propia cafetería da Casa da Cultura.