Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Terá lugar entre os días 26 e 28 de xaneiro e admítense un máximo de oito alumnos

- É impartido polos mestres Pere Molina González e Manuel Villar Touceda

cursobanda

Valga, 21 de decembro de 2017.

O segundo encontro do curso de dirección musical que organizan a Escola de Música Municipal e o Concello de Valga ten aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 14 de xaneiro. A actividade desenvolverase entre os días 26 e 28 de xaneiro e admítense un máximo de oito alumnos que terán como mestres a Pere Molina González e Manuel Villar Touceda.

Traballarán a obra “Symphony of wind instruments” de Igor Stravinsky con sesións de técnica e didáctica da dirección, análise e estudo do repertorio, orquestación, psicoloxía da dirección e práctica e ensaios coa agrupación residente Camerata Arven.

Este curso de dirección musical consta dun total de tres encontros. O primeiro tivo lugar no mes de outubro e contou con alumnos de Alicante, Valencia, Castellón e Galicia. O último encontro está programado para abril, entre os días 27 e 29, e a obra de traballo elixida é a “IV Sinfonía” de Gustav Mahler en versión cámara.

Pere Molina González (Dénia, Alicante) é director titular e artístico da Orquestra de Cámara de Valencia e director musical do Teatro Serrano de Gandía. Titulado nos conservatorios de Castellón e Valencia nas especialidades de trombón, tuba e pedagoxía, gradúase en Dirección de Orquestra na Royal School of Shervone de Londres coas máis altas calificacións. No 2014 trasládase a París a estudar co prestixioso director de orquestra George Pehlivanian.

Está en posesión do premio Batuta do mestre Tomás Bouffartigue entregado polo Ministerio da cidade da Habana (Cuba) e o premio do Patronato da Orquestra OUSAT de México como mellor director invitado da tempada 2015/2016.

Foi invitado a dirixir algunhas das formacións máis importantes do panorama musical: Orquestra Sinfónica Nacional de Costa Rica, Orquestra e Banda Sinfónica Nacional de Cuba, Orquestra Sinfónica S.XXI Cidade de Madrid, Symphony Orchestra of Sherbone-Inglaterra, Orchestre Symphonic Cholet Ville-Francia, Symphonic Orchestra Calatanissetta-Sicilia, Symphony Orchestra of Northem France, Orquestra Sinfónica Cidade de Valencia, Banda Municipal de Santiago de Compostela, Chamber Orchestra of High Studies Academy Berlín ou a Orquestra Sinfónica do Collegium Musicum de Bos Aires-Arxentina, entre outras. En España fixo unha importante labor con xoves agrupacións sinfónicas como a Orquestra Sinfónica da Escola Superior de Cataluña.

Manuel Villar Touceda (Valga) é o director da Escola e da Banda de Música municipais de Valga. Estudou música no Conservatorio Superior de Santiago, no Conservatorio Superior da Coruña, Madrid e Vigo, obtendo o Título Superior de Trompeta no Conservatorio Superior de Santiago coas máis altas  calificacións.

Recibe clases dos mestres Justino Prieto, José Vicente Simeo, José Ortí, Enrique Rioja e Benjamín Moreno. Fai Pedagoxía Musical cos mestres Tomás Rábanos, Ana María Navarrete, Susa Herrera, Tomás Marco, Fernando Palacios e Joss Wuytack. Recibe clases de Dirección de Banda con Adám Ferrero, Henri Adams, Carlos Seráns, Jan Cober, Francisco Javier Gutiérrez, Pilar Vañó e orquestación con Samuel Adler.

Traballa e colabora coa Banda de Vilagarcía de Arousa, Banda da División Guzmán El Bueno (Sevilla), Banda Sinfónica de Galicia, Banda Municipal da Coruña, Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Orquestra e Coro de RTVE, entre outras agrupacións. É Master en Dirección de Orquestra pola Universitat de Valencia co mestre Cristobal Soler, Diploma Superior en Dirección de Orquestra e Banda Cum Laude co mestre Navarro Lara, e Licenciado en Dirección de Orquestra e Banda pola Royal School of Music.

Camerata Arven é unha agrupación formada en 2015 por membros da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, músicos profesionais con experiencia na interpretación e na docencia. Úneos a paixón pola música de cámara e a ilusión por achegala a todos os públicos, servindo ademais como un laboratorio para a posta en valor e difusión dos novos talentos creativos. Os seus integrantes son: Sergio Heredia Cegarra (violín), Marcos Escobar Rodríguez (violín), Sara Franco Ruiz (viola), David Otero Domínguez (violonchelo), Raquel Miguélez Iglesias (contrabajo), Laura Yanes Marca (flauta), Jose Ignacio García González (oboe), F. Javier Morgade Dobaño (clarinete), Alejandra Rivera Fernández (fagot), Mª del Pilar Simeó Gijón (trompa) e Paula Gago Otero (piano).

Volver