- Para exercer de paxes reais durante a Cabalgata hai que anotarse no Concello antes do día 1 de xaneiro
- As Maxestades de Oriente recibirán a todos os rapaces no Belén Artesanal
Valga, 10 de decembro de 2019.
Os Reis Magos xa están preparando a súa próxima visita a Valga. Como é habitual, o día 5 de xaneiro estarán acompañando aos nenos valgueses nas horas previas á noite máis máxica do ano e, para que ningún rapaz quede sen agasallo, precisan de axudantes que lles boten unha man.
É necesario incrementar o número de paxes e de colaboradores que formen parte da comitiva real que acompañará ás Súas Maxestades durante a súa estancia no municipio, en concreto para o seu desprazamento dende o Auditorio Municipal ata o Belén Artesanal, onde saudarán e recibirán a todos os nenos valgueses que, ademais, recibirán un agasallo de Melchor, Gaspar e Baltasar.
Quenes queiran formar parte deste desfile real e vivir unha tarde chea de maxia e ilusión xunto ás Maxestades de Oriente deben anotarse na Casa do Concello antes do día 1 de xaneiro.