Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os aprendices traballan na detección dalgúns dos principais problemas medioambientais aplicados aos oficios de albanelería e forestais

- Vinte persoas desempregadas de Valga e Moraña participan neste proxecto, cunha duración de nove meses

SensibilizaciónAmbiental1

Valga, 10 de decembro de 2019.

O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV comezaron esta semana un módulo sobre Sensibilización Ambiental como parte da formación complementaria aos oficios que van a aprender durante os nove meses de duración do proxecto formativo: os de albanelería e forestal.

O módulo ten unha duración de nove horas e impárteo o experto docente da especialidade de forestais, Manuel Fernández. O obxectivo é introducir aos alumnos no coñecemento dos principais problemas medioambientais, tanto a nivel xeral como no ámbito laboral, e a súa aplicación nas especialidades de albanelería e forestais a través do desenvolvemento de boas prácticas ambientais.

Durante as sesións faise fincapé en asuntos como a contaminación, os vertidos, o tratamento de residuos, a compostaxe, o desenvolvemento sostible, a deforestación e a desertización, entre outros. Os participantes tamén realizan prácticas de detección dos principais problemas medioambientais aplicados ás especialidades formativas do obradoiro.

Esta formación impártese ao mesmo tempo que o alumnado recibe a formación específica de cada especialidade antes de comezar coas prácticas de cada un dos oficios.

No Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV participan vinte persoas desempregadas dos concellos de Valga e Moraña, que perciben o salario mínimo interprofesional durante os nove meses de duración do proxecto. Neste período, ademais de recibir formación teórico-práctica, os aprendices realizarán obras de interese público que, no caso de Valga, serán: a continuación dos traballos no edificio de usos administrativos e no pavillón municipal de Beiro, a mellora de tramos do Camiño Portugués mediante desbroces, limpezas, podas ou plantacións e o acondicionamento forestal de diversas zonas verdes como o Miradoiro de Beiro, Mina Mercedes ou a área fluvial de Vilarello.

SensibilizaciónAmbiental2 SensibilizaciónAmbiental3

Volver