- Para as vindeiras semanas xa hai fixadas máis dunha vintena de citas para ver o nacemento
- Colexios, centros de día e outros colectivos achegaranse a Campaña
Valga, 5 de decembro de 2019.
O Centro para persoas con discapacidade (CODI) estreou esta mañá as visitas concertadas ao Belén Artesanal en Movemento. Un grupo de usuarios desprazáronse de Baño a Campaña para desfrutar coa montaxe de Nadal e tratar de recoñecer algúns dos novos personaxes que se incorporaron nesta edición. A noria de Vigo ou a zona que recrea o pobo de Valga foron as escenas que máis lles chamaron a atención.
Para as semanas previas ás festas xa hai reservadas máis dunha vintena de citas para ver o nacemento, en concreto son 23 a día de hoxe. Centros educativos de distintas localidades de Galicia, centros de día, asociacións e outros colectivos e grupos organizados achegaranse a Campaña para percorrer ese pequeno mundo en miniatura creado polos Amigos do Belén.
O Belén Artesanal, declarado de Interese Turístico de Galicia, permanecerá aberto ao público ata o domingo 12 de xaneiro. Entre semana o horario de visitas é de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. As visitas en grupo poden concertarse no teléfono 630 95 25 15. A entrada é gratuíta.