Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O obxectivo é mellorar a coordinación entre todos os axentes implicados na prevención e erradicación da violencia machista

- Favorecer a detección de posibles casos, ofrecer unha resposta áxil ás vítimas e sensibilizar á poboación son algunhas das funcións da mesa

Mesaviolenciaxénero1

Valga, 4 de decembro de 2019.

Persoal municipal e do Centro de Información á Muller, membros dos corpos de seguridade e representantes dos sectores sanitario e educativo comezaron esta mañá as sesións formativas previas á constitución da Mesa Local de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero. Esta formación foi concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, no marco dun acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias, tendo en conta, ademais, que Valga forma parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

As xornadas desenvólvense no Auditorio Municipal coa participación da concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro; persoal do departamento de Servizos Sociais; a directora, a psicóloga e a avogada do Centro de Información á Muller; representantes dos equipos directivos dos centros educativos; tres membros da Garda Civil –o sarxento do posto de Valga, unha garda do equipo de seguimento de vítimas de violencia de xénero e unha axente do Grupo EMUME da Comandancia de Pontevedra–; a Policía Local; o xefe de servizo do Centro de Saúde de Valga; e outro persoal do Concello e axentes implicados na prevención e erradicación da violencia machista.

O obxectivo destas sesións, que continuarán o mércores día 11, é facilitar o traballo grupal e participación dos axentes que forman parte das Mesas Locais, a través da mellora da organización e do proceso de toma de decisións. Os retos que se marcan son:

  • Mellorar a eficiencia do conxunto de espazos de toma de decisión, asembleas e reunións nos que se organizan as Mesas Locais.
  • Identificar e poñer en valor as lóxicas de traballo, así como os elementos ou obstáculos que poidan dificultar a operatividade das Mesas Locais.
  • Identificar os axentes e entidades do territorio de cara abrir a súa participación na mesa ou na procura de alianzas sobre as que deseñar estratexias de prevención e loita contra a violencia de xénero.
  • Mellorar a coordinación e a participación activa das persoas que forman parte da Mesa Local.
  • Coñecer as competencias e habilidades persoais para un liderado democrático e transformador: comunicación, escoita activa, empatía, facilitación de grupos, mediación, moderación de reunións, resolución de conflitos...

Na mañá de hoxe definíronse os axentes que van a formar parte da Mesa Local e tratouse, entre outras cuestións, o tipo de mesa que se quere constituír: unha que centre a súa actividade en promover iniciativas de dinamización e sensibilización contra a violencia de xénero; ou tamén un espazo no que compartir a nivel interno protocolos e formación. Na segunda xornada traballarase sobre accións concretas a levar a cabo, propoñendo actividades e iniciativas que sexan factibles a nivel local. O obxectivo é ofrecer ferramentas aos axentes para que a mesa que se constitúa teña actividade real e efectiva e ofreza resultados.

Estas xornadas son impartidas por persoal da Cooperativa “Cidadanía”, que realiza traballos de asistencia técnica para a Xunta de Galicia.

As Mesas Locais de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero son instrumentos nos que están representados todos os ámbitos municipais implicados para procurar unha maior eficiencia á hora de dar resposta a posibles casos de violencia de xénero e promover políticas e actuacións para a erradicación desta lacra social.

Entre as funcións destas mesas destacan as seguintes:

  • Mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero
  • Optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero
  • Ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas
  • Mellorar a protección das vítimas consideradas de alto risco
  • Informar e sensibilizar na materia tanto aos profesionais como á poboación en xeral

Mesaviolenciaxénero2 Mesaviolenciaxénero3

Volver