- A xornada de convivencia conmemorou o Día Internacional da Discapacidade
- Os usuarios continúan mañá coas actividades lúdicas e didácticas cunha visita ao Belén Artesanal
Valga, 3 de decembro de 2019.
O Centro Ocupacional para persoas con discapacidade de Valga celebrou esta mañá o Día das Familias con actividades culturais e lúdicas nas que participaron tanto os usuarios como os seus achegados. A xornada de convivencia foi organizada con motivo do Día Internacional da Discapacidade, que se conmemora hoxe, 3 de decembro, e contou coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira delegada de Benestar Social, Begoña Piñeiro, e os edís Carmen Gómez e Pedro Calvo.
As actividades comezaron cunha recepción e un percorrido por varias exposicións de traballos feitos polos usuarios en senllos obradoiros de barro e e scrapbooking (decoración de libretas, álbums e outros obxectos con recortes de distintos materiais). Tamén puido verse a mostra “Presenzas de muller”, con cadros que abordan diferentes problemáticas e temáticas vencelladas á muller.
A continuación proxectouse un vídeo resumo dalgúns dos proxectos que se desenvolveron no centro durante este ano 2019, entre eles os obradoiros de reutilización de e reparación de pequenos electrodomésticos, mobles e materiais téxtiles para contribuír a reducir os residuos, ou os talleres de destrezas para a inserción social e laboral e de habilidades comunicativas e musicoterapia.
Unha das usuarias deu lectura a un manifesto no que abogou por seguir loitando para acadar unha sociedade “máis inclusiva e máis solidaria” coas persoas con discapacidade. “Se os nosos dereitos foran reais e efectivos non sería necesaria a celebración deste día. Temos que reflexionar sobre a incompresión, a soedade, a discriminación, a falta de autonomía e de toma de decisións que temos. A pesares de vivir no mesmo mundo non temos as mesmas oportunidades”, remarcou.
A xornada rematou coa celebración dos vinte anos da Asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla e Umia (Asdivalu), na que non faltou unha torta que cortaron o alcalde e máis a presidenta do colectivo, Ana María Castromán.
Durante toda esta semana os usuarios do CODI están conmemorando a Semana da Discapacidade con diferentes actividades. Onte participaron nunha comida e, pola tarde, desprazáronse a Vigo para ver as luces de Nadal. O venres teñen prevista unha visita ao Belén Artesanal en Movemento.