Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A directora de Turismo de Galicia asegurou o apoio da Xunta para solicitar a Declaración de Interese Turístico Nacional

- O nacemento, que pode verse de xeito gratuíto, permanecerá aberto ata o 12 de xaneiro

InauguraciónBelén19 20 1

Valga, 1 de decembro de 2019.

O Nadal chegou a Valga coa inauguración, esta tarde, dunha nova edición do Belén Artesanal en Movemento. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o alcalde, José María Bello Maneiro, acompañaron na estrea aos integrantes da asociación Amigos do Belén, artífices do nacemento, e aos numerosos veciños e visitantes que se achegaron a Campaña para ser dos primeiros en descubrir as novidades que incorpora o Belén.

Bello Maneiro felicitou aos veciños que “traballaron arreo” para que o nacemento “se supere cada ano”. “Estamos orgullosísimos do traballo que fan e eles tamén deben estar satisfeitos ao comprobar que ao público lle gusta o resultado”. Pola súa parte, Nava Castro sinalou que “a inauguración deste belén representa o punto de partida do Nadal en Galicia”. Lembrou que o de Valga foi o primeiro nacemento en ser declarado de Interese Turístico de Galicia en 2013 e comprometeu o apoio da Xunta para tramitar a solicitude de Interese Turístico Nacional, para que “poidamos seguir presumindo do Belén de Valga e do Belén de Galicia.

O acto inaugural foi conducido polo director de Radio Valga, Héctor Bermúdez, e contou coa participación do párroco de Campaña, Manuel Míguez, que foi o encargado de bendicir o Belén antes de que se puxera en movemento e desen comezo as visitas. Tamén asistiron os concelleiros do equipo de goberno, o ex alcalde de Valga Daniel Barreiro e o empresario Andrés Quintá.

A orixinalidade e singularidade do Belén Artesanal en Movemento teno convertido nunha das montaxes de Nadal máis afamadas do país. Mostra delo foi a grande afluencia de público durante a tarde inaugural, con persoas procedentes  de practicamente toda a xeografía galego facendo cola para entrar ao local de Campaña. Foron varias as excursións que se achegaron esta tarde a Campaña.

Para facer realidade esta nova edición do nacemento, preto de corenta veciños traballaron dende comezos do mes de outubro para seguir engadindo novos contidos que sorprendan e abraien ao público. Entre as novidades máis salientables están o último proceso electoral con representacións dos debates, a xornada de votacións na escola do Forno ou o abrazo co que selaron o seu pacto Pedro Sánchez e Pablo Iglesias. Tamén poden verse no Belén o traslado dos restos de Franco, o xuízo do “procés” catalán e a visita de Torra á casa de Puigdemont en Waterloo, a primeira intervención pública da Infanta Leonor nos Premios Princesa de Asturias ou o paracaídista que chocou contra unha farola no desfile do 12 de outubro.

En clave deportiva, a incorporación máis salientable é a selección nacional de baloncesto gañadora do Mundial e, en canto a sociedade, Amancio Ortega, a parella formada por Albert Rivera e Malú, as vodas de Belén Esteban e Sergio Ramos, a noria de Vigo ou unha homenaxe póstuma a Camilo Sesto comparten protagonismo na montaxe.

Tamén houbo novidades na parte do Belén adicada ao público infantil, completamente renovada con novos personaxes e escenas. E na zona adicada a Valga incorporáronse réplicas do Edificio de Usos Administrativos, o albergue de peregrinos, o Centro de Interpretación da Caña do País, o Bar Maneiro e Casa Comparada. Tamén aparecen representados o 80 aniversario de Andrés Quintá, co empresario percorrendo Valga nun carro tirado por cabalos, e a colleita da oliva en Setecoros co párroco Paulino Sánchez, e o compositor Manu Conde.

Esta compilación de acontecementos e persoeiros que marcaron a actualidade nos últimos meses imprime ao Belén de Valga un carácter de anuario que é o seu sinal de identidade e que tamén deixa espazo a escenas propias da tradición do Nadal e mostras da cultura popular galega.

O Belén Artesanal en Movemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o 12 de xaneiro, entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través dos números de teléfono 986 55 94 56 ou 630 95 25 15.

InauguraciónBelén19 20 2 InauguraciónBelén19 20 4

InauguraciónBelén19 20 5 InauguraciónBelén19 20 6

InauguraciónBelén19 20 7 InauguraciónBelén19 20 8

InauguraciónBelén19 20 9 InauguraciónBelén19 20 10

 

 

Volver