- Farán saídas a Vigo e ao Belén Artesanal en Movemento e exporán cadros e traballos e scrapbooking
- O martes as familias visitarán o centro e coñecerán os novos proxectos que se están preparando
Valga, 30 de novembro de 2019.
O Centro Ocupacional para persoas con discapacidade (CODI) realizará durante a vindeira semana diversas actividades didácticas e lúdicas con motivo do Día Internacional da Discapacidade, que se conmemora o martes, 3 de decembro. O lema “Seguir medrando” é o elixido nesta ocasión para reivindicar a plena inclusión das persoas con capacidades diferentes.
A programación arranca o luns cunha comida para os usuarios no centro e unha posterior excursión a Vigo, para ver o alumeado de Nadal.
O martes celébrase o Día das Familias, ao que están invitados parentes e achegados de todos os usuarios. Exporanse os traballos feitos por eles mesmos nos obradoiros de barro e scrapbooking e os familiares tamén poderán ver a mostra de pintura “Presenzas de muller”, con cadros realizados durante as sesións de arteterapia que a artista Ángeles Garrido imparte no CODI.
Durante a mañá presentaranse os novos proxectos que levarán a cabo no centro durante os vindeiros meses e a xornada de convivencia rematará cun café con torta para festexar o 20 aniversario da Asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla e Umia (Asdivalu).
O mércores e o xoves continuarán as actividades conmemorativas con senllos obradoiros de scrapbooking e cociña e cunha visita ao Belén Artesanal en Movemento.