- As historias trataron temas como o empoderamento da muller ou a ruptura dos estereotipos de xénero
- Mañá, ás 20 horas, terá lugar no Auditorio a obra de teatro “Cinco minutos sen respirar”
Valga, 29 de novembro de 2019.
Os usuarios do CODI asistiron esta mañá a unha sesión de contos sobre igualdade a cargo de Cris de Caldas. O espectáculo “Contos en Lila” compilou unha serie de historias enlazadas por un globo terráqueo co obxectivo de conseguir que o mundo sexa un pouco máis lila.
Princesas valentes, lavandeiras inxustamente tratadas e mulleres activas, que toman a iniciativa e as súas propias decisión foron os personaxes principais dos contos, algúns de tradición oral e, outros, versións de historias literarias adaptadas por Cris de Caldas. A ruptura dos estereotipos de xénero tamén estivo presente en algúns dos relatos. Todo dunha forma lúdica, botando man de xogos para interactuar cos usuarios e utilizando obxectos para reforzar a mensaxe.
Este contacontos enmarcouse na campaña de sensibilización contra a violencia de xénero organizada polo Concello con motivo do 25-N. As actividades continúan mañá no Auditorio coa obra de teatro “Cinco minutos sen respirar”, recomendada para maiores de 14 anos. É adaptación da obra homónima do dramaturgo Gustavo Ott e trata temas como o amor, a violencia, a familia ou a explotación laboral, entre outros. Dará comezo ás 20 horas e a entrada é de balde.