- Tamén se están executando melloras nos baños exteriores do centro educativo
- Recentemente substituíronse unha vintena de fiestras e varias portas do edificio
Valga, 29 de novembro de 2019.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está executando obras de mellora nas instalacións do CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo, consistentes no peche parcial do patio cuberto e o acondicionamento dos baños exteriores.
Na pista deportiva cuberta realízanse traballos de prolongación do peche para que o alumnado estea máis resgardado das inclemencias meteorolóxicas cando participan en actividades no exterior ou, mesmamente, durante os recreos. A parte baixa do peche constrúese a base de bloques e a parte máis elevada rematarase coa colocación de chapas.
Ademais, a actuación inclúe a execución de melloras nos baños exteriores do centro, principalmente o acondicionamento do piso.
Recentemente leváronse a cabo tamén no colexio de Cordeiro obras de mellora da carpintería de aluminio, que consistiron na substitución dunha vintena de fiestras e cinco portas exteriores cun investimento de 26.266 euros por parte da Consellería.