Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actividade é organizada polo Centro Superior de Música

- Para o mes de decembro están programadas outras duas masterclass de piano jazz e saxofón

MasterclassFrauta2

Valga, 28 de novembro de 2019.

Alumnos chegados dende Portugal, Madrid e Asturias, xunto a outros de Galicia, asisten no Auditorio Municipal a unha clase maxistral de frauta impartida por André Cebrián, mestre do Centro de Ensinanzas Superiores de Música (CSM Galicia), entidade que conta coa colaboración do Concello de Valga na organización da actividade.

Os matriculados, de entre 18 e 24 anos, participan durante a xornada de hoxe en clases individuais e colectivas co obxectivo de profundizar e complementar os seus estudos de frauta. A masterclass está orientada, por unha banda, a mellorar os aspectos técnicos do instrumento atendendo aos distintos niveis e idades dos alumnos e, por outra parte, a traballar un repertorio prestando especial atención aos aspectos estilísticos, fraseo e expresión.

André Cebrián é dende 2013 profesor de frauta e música de cámara no Conservatorio Superior de Música de Aragón e agora tamén no de Valga. Natural de Santiago de Compostela, actuou como solista xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia, a Sintónica de Castela e León, a Orquestra da Academia de Música de Cracovia ou a Orquestra de Cámara Gallega. Ao longo da súa traxectoria tocou baixo a batuta de directores como David Afkham, Lionel Bringuier, Antonio Pappano, Gianandrea Noseda, Sir Colin Davis ou Franz Wesler-Möst.

Impartiu cursos e clases maxistrais en diferentes escolas, conservatorios e orquestras como os conservatorios de Pontevedra, Santa Cruz de Tenerife, Ferrol, Huesca ou Granada a Academia Nacional de Música de Estonia, a Orquestra Sinfónica de Ávila ou as orquestras das universidades de Santiago e Pamplona e a OECCh en México. Suíza, Reino Unido, Alemaña ou Malasia foron algúns dos seus destinos internacionais durante este ano.

Piano jazz e saxofón en decembro

Ademais desta actividade, o Centro de Ensinanzas Superiores ten programadas outras dúas masterclass para o mes de decembro: o día 9 de piano jazz a cargo de Abe Rábade, e os días 26 e 27 de saxofón cos mestres Adrián Pais e Xabier Casal. Pode obterse máis información sobre as actividades e a matrícula a través da web www.csmgalicia.com

MasterclassFrauta1

Volver