- A identidade de xénero e os estereotipos que conteñen os contos infantís foron as temáticas destas actividades
- O sábado, ás 20 horas, terá lugar no Auditorio a obra de teatro “Cinco minutos sen respirar”
Valga, 27 de novembro de 2019.
A campaña de sensibilización contra a violencia de xénero promovida pola Concellería de Igualdade tivo onte dúas novas citas dirixidas ao público máis novo.
Pola mañá todo o alumnado do colexio Xesús Ferro Couselo e os estudantes de 3º e 4º de Primaria do CEIP Baño-Xanza desprazáronse ata o Auditorio Municipal para asistir á representación teatral “Nómades”, a cargo da compañía Xarope Tulú.
O movemento, a música e a palabra foron os eixos centrais do espectáculo que guiaron ao público por unha viaxe por paisaxes singulares, transitando como nómedes sen morada e convidando a reflexionar sobre a identidade de xénero, no seu sentido máis amplo.
Xa pola tarde, na Casa da Cultura tivo lugar o contacontos “Príncipas e Princesos” dirixido, tamén, ao público infantil. Historias diferentes nas que valentes princesas protagonizaban diferentes aventuras e nas que os príncipes pasaban o ferro ou barrían o chan contribuíron a combater os estereotipos e roles de xénero dun xeito ameno e divertido para os rapaces.
As actividades vencelladas á igualdade e á loita contra a violencia de xénero continúan nos vindeiros días. O venres Cris de Caldas relatará no CODI “Contos especiais en Lila” a partir das 12 da mañá, e o sábado ás 20:00 horas Ítaka Teatro representa no Auditorio a obra “Cinco minutos sen respirar”. É unha adaptación da obra homónima do dramaturgo Gustavo Ott e trata temas como o amor, a violencia, a familia ou a explotación laboral, entre outros. Está recomendada para maiores de 14 anos. A entrada é de balde.