- “Coidamos os nosos dereitos” foi o lema elixido polo centro con motivo da celebración
- A ONU enfatiza con esta data a necesidade de garantir o benestar e o desenvolvemento de todos os nenos
Valga, 20 de novembro de 2019.
A Escola Infantil Municipal conmemora durante a xornada de hoxe o Día Internacional do Neno, que a Organización de Nacións Unidas (ONU) celebra anualmente o 20 de novembro en defensa dos dereitos da infancia e para concienciar sobre a necesidade de garantir o benestar e o desenvolvemento de todos os nenos do mundo, especialmente os que se atopan en situación máis desfavorecida.
O alumnado e o equipo docente da Escola Infantil Municipal festexaron esta data elaborando un mural co lema “Coidamos os nosos dereitos”, citando entre eles a saúde, a educación, a igualdade, a paz ou a liberdade.
A ONU estableceu o día 20 de novembro como Día Universal do Neno en lembranza da aprobación, en 1959, da Declaración dos Dereitos do Neno, aprobada por unanimidade de todos os estados membros de Nacións Unidas e que resalta a necesidade de coidado especial e dunha protección legal axeitada por parte dos nenos.
Esta declaración establece dez principios:
- O dereito á igualdade, sin distinción de raza relixión ou nacionalidade
- O dereito a ter unha protección especial para o desenvolvemento físico, mental e social do neno
- O dereito a ter un nome e unha nacionalidade dende o seu nacemento
- O dereito a unha alimentación, vivenda e atención médica adecuadas
- O dereito a unha educación e a un tratamento especial para aqueles nenos que sofren algunha discapacidade mental ou física
- O dereito á comprensión e ao amor dos pais e da sociedade
- O dereito a actividades recreativas e a unha educación gratuíta
- O dereito a estar entre os primeiros en recibir axuda en calquera circunstancia
- O dereito á protección contra calquera forma de abandono, crueldade e explotación
- O dereito a ser criado cun espíritu de comprensión, tolerancia, amizade entre os pobos e irmandade universal