- As xornadas desenvolveranse os días 4 e 11 de decembro co obxectivo de mellorar a coordinación entre todos os axentes implicados na prevención e erradicación da violencia machista
- Favorecer a detección de posibles casos, ofrecer unha resposta áxil ás vítimas e sensibilizar á poboación son algunhas das funcións da mesa
Valga, 13 de novembro de 2019.
A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, no marco dun acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias, asignou ao Concello de Valga a formación do persoal municipal para a constitución dunha Mesa Local de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero, tendo en conta, ademais, que Valga forma parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
As xornadas formativas desenvolveranse os días 4 e 11 de decembro e o seu obxectivo é facilitar o traballo grupal e participación dos axentes que forman parte das Mesas Locais, a través da mellora da organización e do proceso de toma de decisións. Os retos que se marcan con estas sesións son:
- Mellorar a eficiencia do conxunto de espazos de toma de decisión, asembleas e reunións nos que se organizan as Mesas Locais.
- Identificar e poñer en valor as lóxicas de traballo, así como os elementos ou obstáculos que poidan dificultar a operatividade das Mesas Locais.
- Identificar os axentes e entidades do territorio de cara abrir a súa participación na mesa ou na procura de alianzas sobre as que deseñar estratexias de prevención e loita contra a violencia de xénero.
- Mellorar a coordinación e a participación activa das persoas que forman parte da Mesa Local.
- Coñecer as competencias e habilidades persoais para un liderado democrático e transformador: comunicación, escoita activa, empatía, facilitación de grupos, mediación, moderación de reunións, resolución de conflitos...
As Mesas Locais de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero son instrumentos nos que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, como o persoal Centro de Información á Muller, as forzas e corpos de seguridade, servizos sanitarios, Servizos Sociais ou centros educativos, entre outros. O obxectivo é procurar unha maior eficiencia á hora de dar resposta a posibles casos de violencia de xénero e promover políticas e actuacións para a erradicación desta lacra social.
Entre as funcións das mesas locais destacan as seguintes:
- Mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero
- Optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero
- Ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas
- Mellorar a protección das vítimas consideradas de alto risco
- Informar e sensibilizar na materia tanto aos profesionais como á poboación en xeral