Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

O Centro de Ensinanzas Superiores de Valga (CSM Galicia) está a dar os seus primeiros pasos. A piques de ser inaugurado oficialmente –o acto celebrarase o vindeiro 22 de novembro–, o centro conta neste primeiro curso con corenta alumnos matriculados. Será a primeira xeración de músicos formados ao albor deste proxecto que encabezan, como directores, Manuel Villar Touceda e Pere Molina González.

Manuel Villar e Pere Molina

Como foi o proceso para que Valga puidera contar cun Centro de Ensinanzas Superiores de Música?

Pere Molina: Foi un proceso longo e exhaustivo. Despois de facer o estudo de mercado e o plan de negocio e dos traballos propios de arrancar un proxecto novo, comezou o proceso de trámites burocráticos. O nivel de esixencia por parte da administración pública para crear un Centro Superior é elevado, como non podía ser doutro xeito.

Manuel Villar: Por sorte, o alcalde de Valga é unha persoa con visión de conxunto, que soubo ver que era unha excelente oportunidade para o pobo montar un proxecto desta envergadura aquí. E grazas a que contamos en Valga cunhas instalacións preparadas para acoller formación de alta calidade e a que o Concello sempre apoia as iniciativas que son boas para os veciños, puidemos arrancar co que para nós é un soño, que ademais cobre unha demanda crecente de formación de calidade que detectamos no sector.

Neste primeiro curso, con cantos alumnos conta o centro?

Pere Molina: O centro conta con distintos tipos de alumnos. Dunha banda están os que cursan os estudos superiores oficiais, un total de 40, e doutra está o alumnado que realiza cursos, masterclass ou solicita formación a medida para preparar probas de acceso ou formación concreta nun eido que queren desenvolver. Deste segundo grupo contamos xa con arredor de 150 alumnos.

Cal é a procedencia dos alumnos?

Manuel Villar: Temos alumnos de Galicia, algúns que comezan e outros que veñen de traslado desde outros centros, de Madrid, Valencia... e ata de Cuba!

Cumpríronse as expectativas que tiñan en canto ao número de matriculados?

Manuel Villar: A verdade é que estamos moi contentos e agradecidos coa acollida que está tendo o CSM Galicia. Tendo en conta que fomos informados en agosto de que nos autorizaban a abrir, xa coa maioría dos estudantes de superior matriculados nos distintos centros de España, é un éxito rotundo poder dicir que temos 40 alumnos.

Pere Molina: Si, a pesares de que o tempo foi moi axustado, o equipo de CSM Galicia fixo un esforzo moi grande para, nun tempo récord, poder ofrecer a formación de calidade que vai ser un dos piares do centro. Estamos tamén recibindo traslados de expediente de distintos conservatorios de España e moitas solicitudes de información de cara ao curso 2020-2021, co cal temos que dicir que estamos moi ilusionados e as previsións para o medio prazo son moi boas.

Recentemente realizáronse as probas de acceso ao centro, que nivel demostraron os participantes?

Pere Molina: O nivel que puidemos ver nas probas foi moi alto, estamos falando de músicos moi cualificados e implicados co seu eido de formación. Agora tócanos a nós motivalos e conseguir que dean o mellor de si mesmos para que florezan os excelentes músicos que xa levan dentro.

Que estudos poden cursarse neste centro e que o diferencia de outros dos Centros Superiores ou Conservatorios existentes en Galicia?

Pere Molina: No CSM Galicia ofrecemos todas as especialidades que existen actualmente na música con todos os itinerarios: Interpretación, Pedagoxía, Musicoloxía, Composición, Dirección e Produción e Xestión. A principal diferencia está na propia filosofía do centro: dinamismo absoluto, tanto a nivel de flexibilidade como de nacemento e apoio de ideas, unha firme aposta por profesorado que estea activo e teña recoñecida solvencia dentro do seu eido e empatía co alumnado. Ao final, se queremos que os alumnos dean o mellor de si mesmos, é fundamental escoitalos, estar preto e apoialos en cada paso que dean.

Como é o equipo de profesores cos que contan?

Manuel Villar: Son profesores internacionais, cunha calidade persoal e profesional indubidable e, sobre todo, están activos, en sinfónicas e filharmónicas, como solistas, con formacións propias... percorrendo o mundo facendo vibrar a quen os escoita. Ofrecen aos alumnos o mesmo que lles esixiremos a eles: paixón, dedicación e excelencia a todos os niveis.

Ademais da actividade propia dun centro superior de música, están promovendo outras actividades como masterclass ou un concurso de solistas. Que outras iniciativas teñen?

Pere Molina: Estamos preparando moitas sorpresas que non desvelaremos, pero si podo adiantar que imos estar en todas partes, porque o CSM Galicia é un Centro activo, dinámico e multidisciplinar.

Que representa para Valga contar cun centro destas características tanto a nivel cultural como en outros ámbitos?

Manuel Villar: CSM Galicia, sen dúbida, pon a Valga no centro do panorama musical, non só autonómico senón tamén internacional, porque entre as sorpresas que comentaba Pere Molina, estamos chegando a acordos con entidades europeas e do outro lado do Atlántico, e tamén con artistas de nivel “top-feed” nos teatros máis prestixiosos do mundo.

Unha Escola de Música recoñecida, unha Banda Municipal que se proclamou gañadora do Certame Galego, e agora o Centro Superior de Música... Cal é a clave para que poidan darse todas estas circunstancias nun municipio coma Valga?

Manuel Villar: Traballar moi duro, ter moita paixón polo que fas e saber reunir talentos e ideas, sen pecharse nunca a ningunha. Cando convertes a túa paixón no teu traballo, simplemente flúe. Ter o apoio institucional estanos facilitando moito a parte máis lenta e menos agradecida do proceso, para poder centrarnos en cumprir coas expectativas dos alumnos que, ilusionados, están depositando a súa confianza en nós.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver