- Establécese un canon anual mínimo de 100 euros e as propostas á alza poden efectuarse ata o vindeiro 20 de novembro
- A mesa de contratación valorará, ademais da oferta económica, o proxecto de explotación e o equipamento co que se dote aos locais
Valga, 6 de novembro 2019.
O Concello de Valga saca a concurso a explotación da cafetería da Praia Fluvial de Valga e do Centro de Interpretación da Caña do País por un período de dous anos, que poderán ser prorrogados por unha ou máis anualidades sen que o total poida superar os catro anos.
As instalacións obxecto de concesión son o edificio destinado a cafetería emprazado na praia fluvial –cunha superficie útil de 66’30 metros cadrados na planta destinada a bar e 69’60 na terraza– e máis o Centro de Interpretación da Caña, que conta con 92’11 metros cadrados útiles na zona de destilería e 24’52 na área de catas.
Serán obrigas do adxudicatario prestar con esmero o servizo de bar-cafetería e promover a celebración de cursos, xornadas, exposicións e actividades relacionadas coa augardente do país no Centro de Interpretación da Caña. No relativo á realización de eventos, o Concello terá preferencia no uso do edificio, facendo especial mención ás actividades relacionadas coa Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
O concesionario deberá, asimesmo, facerse cargo do mantemento, conservación e limpeza da totalidade dos dous edificios, así como do lixo, maleza e matagueiras de todo o entorno en que se atopan situados, concretamenteo o Porque Irmáns Dios Mosquera, o Parque Bella Otero, a praia fluvial e os terreos comprendidos entre o río Valga e a estrada N-550.
A cafetería non poderá pechar máis dun día á semana e o Centro de Interpretación da Caña deberá permanecer aberto ao público de luns a venres. O horario de apertura será, como mínimo, de 15 a 21 horas, podendo o adxudicatario amplialo ata o máximo legalmente establecido.
Segundo se establece no prego de cláusulas administrativas, o servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, retribuíndose cos ingresos que se deriven da explotación da cafetería. O adxudicatario deberá aboar ao Concello un canon anual mínimo por importe de 100 euros máis o IVE, así como os demais impostos ou taxas que se deriven deste contrato. As ofertas económicas efectuaranse á alza partindo da citada cantidade de 100 euros e poden presentarse no rexistro do Concello durante un prazo de 15 días naturais que remata ás 15 horas do vindeiro 20 de novembro. Cada licitador non poderá presentar máis dunha oferta.
A elección da oferta máis ventaxosa atenderá aos seguintes criterios: o maior canon ofertado, o proxecto de explotación (persoal, horarios e variedade de servizos prestados) e o o equipamento e mobiliario co que se dotará aos locais.