Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Contacontos, teatro e espectáculos musicais incidirán en valores como o respecto e a tolerancia

- A exposición solidaria “Troca arte por alimentos” recadará produtos de primeira necesidade para Cáritas

auditorio2

Valga, 4 de novembro de 2019.

A igualdade é a protagonista de parte da programación do Auditorio Municipal para novembro, mes no que se conmemora o Día Internacional contra a violencia de xénero.

As actividades relacionadas co 25-N diríxense a todo tipo de públicos, entre eles o infantil con propostas como o contacontos “Bolboreta” ou os monicreques de “Xogo revolto”, organizados no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

“Bolboretas”, a cargo da contadora de historias Soledad Felloza, é un espectáculo de narración oral repleto de historias de nenas e mulleres que voan alto para amosarnos un mundo sen violencia no que a igualdade é posible. Terá lugar o venres 15 a partir das 17:30 horas. Pola súa parte, “Xogo revolto” é unha obra teatral con marionetas que trata de reforzar unha axeitada educación emocional e en valores, ensinando dun xeito chamativo e divertido que amosar os sentimentos e emocións non nos fai parecer débiles. Esta actividade está programada para a tarde do venres 22.

O sábado 23 celebrarase o concerto “Música contra a violencia”, que correrá a cargo da Orquestra de Cámara Municipal de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda. Uns días despois, o martes 26, será o turno do teatro coa obra “Nómades”, a cargo da compañía Xarope Tulú. Esta obra fomenta a reflexión arredor da discriminación sexista e o respecto entre as persoas.

O teatro tamén será protagonista o día 30, sábado, co espectáculo “Cinco minutos sin respirar” da compañía Ítaca. Trátase dunha adaptación da obra homónima do dramaturgo venezolano Gustavo Ott que fala da violencia machista, da vida, dos abusos bancarios, do amor, da explotación laboral, do suicidio, da familia...

Ademais destas actividades con motivo do Día contra a Violencia de Xénero, a programación do mes de novembro inclúe outras propostas como unha masterclass de frauta a cargo do mestre André Cebrián os días 28 e 29 e a exposición solidaria “Troca arte por alimentos”, que durante todo o mes recadará produtos de primeira necesidade a favor de Cáritas.

programación novembro 2019

Volver