- As obras consisten no acondicionamento da ribeira do Ulla e na colocación dunha plataforma de 42 metros de longo
- A Xunta encargarase de contratar o proxecto e financiar os traballos
Valga, 24 de outubro de 2019.
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil, realizou esta mañá unha visita a Valga para avanzar na tramitación do proxecto de creación dun embarcadoiro no río Ulla –en Campaña–destinado, fundamentalmente, ao seu uso por parte de embarcacións turísticas e de recreo.
A responsable do ente autonómico reuniuse co alcalde, José María Bello Maneiro, para concretar os últimos detalles do convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta para levar a cabo a actuación. Na xuntanza estiveron tamén presentes os concelleiros Carmen Gómez, Pedro Calvo e Malena Isorna, así como técnicos de Portos e do Concello.
A continuación trasladáronse todos a Campaña para comprobar in situ o lugar no que se executaráesta actuación, unha zona na que antano existiu un pequeno porto de carga e descarga vencellado á actividade industrial da antiga fábrica Novo y Sierra.
As obras que se executará consistirán na rehabilitación daquela pequena estrutura portuaria co fin de permitir o atraque aos catamaráns e embarcacións turísticas que operan na Ría de Arousa e no río Ulla e atraer, así, un fluxo de visitantes que cheguenao municipio por vía fluvial. Acondicionarase a zona de ribeira con pavimento e instalarase un pantalán de 42 metros de longo con pavimento de madeira e varanda de aceiro inoxidable. Ao final da pasarela colocarase unha plataforma flotante de 24 metros de longo por 3 de ancho. Esta plataforma será a que permita o atraque dos catamaráns.
O embarcadoiro irá dotado con cornamusas de aluminio para o amarre das embarcacións proxectándose, ademais, o acondicionamento dun acceso.
Será Portos de Galicia quen licite e financie as obras do embarcadoiro, que aparecen recollidas nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2020 cunha partida de 275.000 euros. O alcalde lembra que o Concello “leva tres anos de trámites para sacar adiante este proxecto” e agarda a máxima premura por parte da Xunta á hora de licitar as obras, de maneira que “poidan iniciarse antes de que remate este ano”.