Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O obxectivo é que os nenos poidan desprazarse camiñando ou en bicicleta

- Representantes da comunidade educativa, do Concello e Policía Local participaron nunha reunión coa empresa encargada de redactar o proxecto

CamiñosEscolares

Valga, 25 de outubro de 2019.

O Concello de Valga e a Deputación Provincial están elaborando un proxecto para mellorar a seguridade peonil no acceso e no entorno do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza e da Escola Infantil Municipal, situados ambos en Baño. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa “Camiños escolares seguros nas estradas provinciais” e o obxectivo é que os escolares recuperen o vello costume de desprazarse á escola camiñando ou en bicicleta e poidan facelo en condicións de seguridade.

O pasado venres celebrouse na Casa Consistorial unha reunión á que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro; o edil de Obras e Urbanismo, Román Castro; a concelleira de Educación, Carmen Gómez; o arquitecto municipal, Serafín Vigo; o Policía Local; as directoras do colexio de Baño e da Escola Infantil, Eva Zumalave e Aurora Díaz; unha representante da ANPA de Baño; e Jesús Meizoso, da empresa Eptisa, á que foron adxudicados os traballos de redacción do proxecto para crear camiños escolares seguros na estrada de Baño, entre os cruces coa estrada nacional N-550 e a autonómica PO-548.

Hai que ter en conta que nesta zona, ademais do CEIP de Baño e da Escola Infantil, atópanse tamén un terceiro centro educativo, o IES de Valga, e outros equipamentos e instalacións públicas como o pavillón municipal, o campo de fútbol, o CODI ou o Centro de Saúde, polo que o reforzo da seguridade viaria beneficiará ao conxunto da poboación.

A elaboración do proxecto está sendo un proceso participativo, dando voz aos distintos axentes implicados e e buscando a coordinación entre todos eles á hora de fixar as directrices a seguir. Proximamente os técnicos de Eptisa realizarán unha enquisa entre os alumnos do CEIP Baño-Xanza e outra entre os pais para sondear cal é a súa percepción actual da situación e cales son, na súa opinión, os principais problemas a resolver en materia de seguridade nos desprazamentos ao colexio. A partir de aí comezaranse a establecer prioridades e a definir as obras concretas que se recollerán no proxecto.

Serán, en todo caso, actuacións tendentes a reducir a mobilidade motorizada e ao calmado do tráfico no entorno dos colexios – polas consecuencias negativas que esta conleva como a contaminación atmosférica ou a inseguridade viaria e accidentalidade–, xerando rúas nas que os rapaces poidan moverse con liberdade e en maiores condicións de seguridade, fomentando a autonomía dos máis cativos e estimulando hábitos saúdables como camiñar ou desprazarse en bicicleta.

 

CamiñosEscolares

Volver