- Os cambios afectan aos terreos colindantes coa fábrica de perfilería de aluminio
- O obxectivo é favorecer a expansión industrial e o impulso da actividade económica en Valga
Valga, 23 de outubro de 2019.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou definitivamente a modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), tramitada polo Concello co obxectivo de permitir a ampliación das instalacións da empresa Extrugasa e, a través dela, favorecer a expansión industrial de Valga, o impulso da actividade económica e a xeración de postos de traballo para a poboación local.
A modificación afecta a unha superficie de 265.589 metros cadrados situada entre as actuais instalacións de Extrugasa, a liña de ferrocarril e o núcleo do Forno-A Torre. Conleva unha reordenación dos terreos e a eliminación dun tramo do sistema viario para posibilitar a ampliación da empresa de acordo ao convenio suscrito no ano 2016 entre o Concello e a entidade mercantil, precisamente para desenvolver urbanísticamente estes terreos clasificados como solo urbanizable delimitado de uso industrial no PXOM aprobado ano 2010.
A aprobación definitiva da modificación puntual foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia. Con anterioridade fora aprobada inicialmente polo Pleno do Concello nunha sesión celebrada en setembro de 2017.