Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O goberno local entende que se trata dunha resolución “politizada, arbitraria e que atenta contra os intereses dos veciños de Valga”

- O proxecto, cun orzamento de máis dun millón de euros, inclúe o acondicionamento do interior do inmoble, o seu equipamento e a mellora da praza Vicente Cousiño

edificio

Valga, 29 de decembro de 2017.

O Concello de Valga presentou un recurso de reposición contra a decisión adoptada pola Deputación de Pontevedra de desestimar a solicitude dunha subvención de 849.022,94 euros para o proxecto “Remate do edificio de usos administrativos e acondicionamento da praza Vicente Cousiño”, cun orzamento total de 1.061.276,67 euros.

A denegación da a axuda é, para o goberno local, unha decisión “politizada, arbitraria e que atenta contra os intereses dos Veciños de Valga”. O recurso engade, ademais, que é “contraria a dereito” tendo en conta as “Bases reguladoras das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos. Concellos de menos de 20.000 habitantes”, publicadas no BOP do 16 de agosto de 2017 e modificadas o 20 de setembro. “O Concello de Valga presentou en forma e prazo a subvención” de acordo con estas bases, conclúe o recurso.

Segundo as bases reguladoras a convocatoria dirixíase á execución de equipamentos e dotacións municipais na provincia de Pontevedra, cun máximo dunha única actuación por concello de menos de 20.000 habitantes e para investimentos cuxo importe terá que ser superior o que lle corresponde na liña 1 do Plan Concellos 2017. Inclúense equipamentos socio-culturais, administrativos, deportivos, de ocio e lecer e outros; construción de novos equipamentos municipais; remodelación, reforma, rehabilitación, adecuación de edificios destinados a usos de equipamento municipal ao servizo de toda a cidadanía; e reforma ou adecuación de prazas, paseos, alamedas, que deben garantir o seu uso por toda a cidadanía. O proxecto presentado polo Concello de Valga adecúase a estas esixencias tanto no referido ás obras a realizar como no tocante ao importe da subvención (849.022,94 euros).

A Deputación apunta como un motivo de desestimación que “o proxecto achegado non cumpre co contido de proxecto básico”, cando en realidade no só cumpre senón que excede o contido mínimo esixido para un proxecto básico segundo o Código Técnico da Edificación. Segundo este código os contidos mínimos dun proxecto básico son: memoria, planos e orzamento. O proxecto presentado inclúe todos estes contidos e, a maiores, outros apartados propios dos proxectos de execución, como a xustificación do cumprimento da normativa aplicable, pregos de condicións, estudo básico de seguridade e saúde, plano de carpinterías interiores e planos de instalacións.

A Deputación de Pontevedra ampárase tamén na afirmación de que non se presenta documentación da urbanización da praza, pero “o feito mesmo de que nos motivos de exclusión fale desta urbanización é canto menos indicativo de que proxecto cumpre coa obriga de identificar con precisión e claridade o investimento solicitado”, engade o recurso. Ademais, a memoria do proxecto reflexa a pavimentación da praza, así como a instalación dunha nova fonte de pedra cuxa situación e urbanización circundante se reflicte nun dos planos. Os materiais a empregar e demais especificacións tamén aparecen na documentación.

Por último, entre os argumentos para desestimar a solicitude do Concello de Valga a Deputación afirma que “o proxecto non supón unha mellora substancial no equipamento existente, senón que se limita á súa redistribución e equipamento”. Pois ben, o proxecto si supón unha mellora substancial. Tal é así que permitiría dar uso e contido a edificio de usos administrativos, de forma que poida albergar no seu interior distintas dependencias municipais como o xulgado, a Policía Local ou unha biblioteca, cumprindo deste xeito co compromiso que mantén o Concello de ofrecer aos veciños uns servizos municipais de calidade. Ademais, a reforma da praza Vicente Cousiño xeraría un novo espazo libre e de ocio, na actualidade apenas utilizado, e garantiría o seu uso por toda a cidadanía.

Á vista de que o proxecto cumpre co esixido polas bases, o goberno local entende que a decisión da Deputación está “politizada” e é “arbitraria”. Preséntase, así, o recurso de reposición para “seguir defendendo os intereses dos veciños de Valga”.

Volver