- O elevador terá capacidade para 12 pasaxeiros e contará cun sistema de alimentación en caso de corte do subministro eléctrico
- A actuación conta cunha subvención de 28.000 euros da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Valga, 15 de outubro de 2019.
A empresa Schindler iniciou esta semana ás obras de instalación do ascensor no Edificio de Usos Administrativos. Os traballos deron comezo onte co traslado dos materiais e nos vindeiros días procederase á instalación e montaxe.
A opción elixida para este edificio é un ascensor de rápida instalación, alto nivel de seguridade, coas derradeiras tecnoloxías en ascensores sen máquina, alta eficiencia enerxética e pensado para doce pasaxeiros (900 quilos de carga).
Ao mesmo tempo, instalarase un sistema que aforra ata un 55% do uso do motor, xa que recupera a enerxía de freado para empregala posteriormente e permite a alimentación en caso de corte do subministro eléctrico, podendo realizar máis de 100 viaxes a través dos seus acumuladores.
Esta actuación é financiada cunha subvención de 28.000 euros da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través dunha orde para a creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
A instalación do ascensor é fundamental para a posta en funcionamento do Edificio Administrativo, que albergará na súa planta baixa o Xulgado de Paz e as oficinas da Policía Local, ademais da Radio Municipal xa en funcionamento. A planta alta reservarase para a nova e ampliada biblioteca e o baixo cuberta para o arquivo.
Coa rehabilitación deste inmoble o Concello pretende mellorar a prestación de servizos desconxestionando a Casa do Concello e acadar unha maior proximidade entre a administración e a veciñanza.