- A programación arranca este venres pola tarde con “A detective Peregrina e o insólito caso de Antón Fraguas”
- Todas as actividades teñen entrada de balde para todos os nenos que queiran participar
Valga, 9 de outubro de 2019.
As bibliotecas municipais de Valga acollerán nas vindeiras semanas catro obradoiros infantís de dinamización da lectura no marco do programa Ler Conta Moito, promovido pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellería de Cultura. Estas actividades organízanse con motivo do Día das Bibliotecas, que se conmemora o día 24 de outubro.
Os obradoiros dan comezo este venres, día 11, no Auditorio Municipal, con “A detective Peregrina e o insólito caso de Antón Fraguas”, unha mistura entre relatos, historias e caricaturas a cargo da compañía “Polo correo do vento” para dar a coñecer a vida e obra de Antón Fraguas, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
O 15 de outubro na Casa da Cultura de Valga terá lugar a actividade “Biotecnólogos resolven un crime na biblioteca”. Alguén roubou un valioso manuscrito na biblioteca pero, afortunadamente, o ladrón deixou restos biolóxicos. Para descubrilo haberá que extraer ADN das mostras e comparalo cos sospeitosos empregando material de cociña. Os participantes aprenderán así que é a biotecnoloxía e farano da man de Manuel Vicente, responsable do programa de divulgación científica da Radio Galega "Efervesciencia".
O día 22 deste mes, e de novo na Casa da Cultura, será o turno do obradoiro “Construíndo o noso libro ilustrado”, no que os rapaces asistentes podrán experimentar como é o proceso de creación dun libro a partir da experiencia como ilustradora de Minia Regos.
A programación con motivo do Día da Biblioteca pecharase o 25 de outubro no Auditorio con “A pirata Escarlata”, de Marisa Irima, un contacontos cheo de aventuras e emocións.
Os catro obradoiros están fixados para as 17:30 horas e a entrada é de balde para todos os nenos que queiran asistir.