Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Valga colaboran nesta iniciativa que pretende mellorar a xestión dos residuos domésticos

- Os obradoiros están abertos á participación de todos os veciños e habilitarase tamén un espazo de intercambio de bens

PPilotoCODI1

Valga, 8 de outubro de 2019.

O CODI estrea esta semana un novo servizo aberto a toda a cidadanía coa posta en marcha dun proxecto piloto de autorreparación e reutilización de roupa, mobles e pequenos electrodomésticos.

Esta iniciativa, na que colaboran a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Valga, foi presentada esta mañá polo alcalde, José María Bello Maneiro, e pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, que visitou as instalacións do centro para persoas con discapacidade de Baño. O obxectivo é mellorar a xestión dos residuos do fogar, aumentanto a reciclaxe e dándolles unha nova vida aos aparellos e obxectos domésticos coa fin de evitar o seu desperdicio.

Son tres os espazos que se habilitaron no CODI para o desenvolvemento desta proba piloto, que pretende ser a primeira dunha rede galega para a reparación e reutilización. Na planta principal atópase o obradoiro de costura e na planta baixa sitúanse os talleres de carpintería e reparación de pequenos electrodomésticos. Cada un deles conta cun monitor, que nestes momentos están en período de formación, e que serán os encargados de dirixilos.

Estes obradoiros están abertos á participación de todos os valgueses que queiran reparar eles mesmos os seus obxectos, ofrecéndolles o espazo, as ferramentas e os coñecementos dunha persoa especializada. Coa súa axuda, os veciños poderán reparar a pata dunha cadeira ou restaurar mobles vellos, transformar ou arranxar prendas de roupa ou reparar aparatos eléctricos de uso doméstico como un secador ou unha prancha. Ademais, habilitarase un cuarto espazo de intercambio ao que os veciños poden levar os obxectos e bens que xa non usan pero que están en bo estado e cambialos por outros que lles interesen.

Este proxecto ponse en marcha esta mesma semana. O xoves e o venres, días 10 e 11, terán lugar senllos obradoiros de costura; os días 14 e 15 de outubro haberá talleres de pequenos electrodomésticos; e o 16 e 17, de carpintería. Todos se desenvolverán en horario de mañá, de 11 a 13 horas e poden participar todas as persoas que o desexen e que estean interesadas en achegarse a estas especialidades. Unha vez pasados estas xornadas de presentación, o punto de autorreparación e reutilización do CODI funcionará cos seguintes horarios:

  • Téxtil: os martes de 10 a 12 horas
  • Carpintería: os mércores de 10 a 12 horas
  • Electrodomésticos: os xoves de 10 a 12 horas

Durante a presentación, o alcalde agradeceu á directora xeral que teñan elixido Valga para a posta en marcha deste “proxecto novidoso” e animou aos veciños a que o respalden participando nos talleres que se ofrecen. Ademais, referiuse á actividade do CODI, “un centro no que puxemos moitas ilusións que se están vendo recompensadas co traballo impresionante que realizan os usuarios e grazas ao labor dos profesionais responsables do centro”. Nas súas instalacións lévanse a cabo, entre outras actividades dirixidas a persoas con discapacidade, obradoiros de reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos, musicoterapia, arteterapia ou estimulación cognitiva. Estase a instalar, ademais, un forno para realizar actividades con cerámica.

“Temos que agradecer tamén á Consellería de Política Social”, continou o alcalde, “a aportación económica que realiza para manter o persoal e os monitores. Non podemos dicir o mesmo da Deputación Provincial, que nada máis entrar o actual goberno lle retirou todas as subvencións ao CODI. Non se pode dicir que a Deputación en Valga axude ás persoas con discapacidade, senón todo o contrario”.

PPilotoCODI2 PPilotoCODI3

Volver