- O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, participou na entrega de premios e no xantar de clausura
- A boa densidade de coellos e a axeitada climatoloxía provocaron que a proba estivese moi disputada
Valga, 7 de outubro de 2019.
Os terreos do Tecor de San Huberto, que abarca os concellos de Valga e Pontecesures, acolleron esta fin de semana o Campionato Galego de cans de rastro sobre coello, organizado pola Federación Galega de Caza coa colaboración da Sociedade de Cazadores San Huberto.
A alta densidade de coellos e a axeitada climatoloxía da xornada fixeron que se viviran moitos lances e dificultaron o labor dos xuíces á hora de cualificar e puntuar o traballo dos cans participantes.
Alfonso Rey Baule, co lote de cans integrado por Xouva, Trus, Trasno e Clay, proclamouse campión da proba, mentras que Jaime López Castro foi subcampión con Pipa, Pulga, Mía e Xesta. No terceiro posto repetiu Alfonso Rey Baule con outro dos lotes cos que participou e do que formaban parte Rara, Xesta, Rato e Fousa.
O can Trus de Alfonso Rey foi proclamado o mellor do campionato.
O acto de clausura contou coa participación do concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, ao que acompañaron o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, o presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra, Francisco Couselo, o secretario desta entidade e directivos da Sociedade de Cazadores San Huberto de Valga que preside Antonio Bouzón. No transcurso deste acto fíxoselle entrega dunha placa a Carlos Casas Cambón, ao proclamarse campión da Copa Galicia.
Para pechar a xornada cazadores e autoridades asistiron a un xantar de confraternidade nun restaurante do municipio.
O Tecor de Valga tense convertido nun referente no que á recuperación do coello se refire. A Sociedade San Huberto conta cun cridadeiro de coellos en semi liberdade que ocupa unha hectárea de terreo e 170 biotopos dispersos polas 4.300 hectáreas de superficie do Tecor. Nos seus terreos xa se disputou no mes de agosto a Copa España de cans de rastro sobre coello e en setembro, o campionato provincial.